Ir o contido principal

A USC consegue un novo programa Erasmus Mundus

Consolida así a súa posición de líder das universidades españolas en participación nestes proxectos europeos

A Unión Europea acaba de conceder un novo Erasmus Mundus ao programa PEACE (Programme for Excellence Academy Cooperation Exchange) presentado e coordinado pola Universidade de Santiago e dotado con 4,43 millóns de euros. O Erasmus Mundus comezou a funcionar en 2003 co obxectivo de mellorar a calidade da Ensinanza Superior en Europa, fomentar a cooperación con outras áreas xeográficas para reforzar as relacións das universidades europeas con institucións similares doutras zonas do mundo e conseguir que se creen redes e consorcios para impartir títulos conxuntos. O PEACE, elaborado pola sección de cooperación do Servizo de Relacións Exteriores da USC, agrupa a dez universidades europeas e outras tantas do norte de África e Oriente Próximo (3 de Xordania, 2 de Siria, 3 de Líbano e 2 de Palestina) nun proxecto orientado a fomentar a mobilidade de estudantes de talento, mellorar a súa formación e cualificación e a súa empregabilidade. Líder en España A maiores, a USC é universidade socia en outros catro programas aprobados este ano. Dous deles son continuacións de programas xa existentes, centrados en Asia central e meridional e dotados con 2,5 millóns de euros cada un, e os outros dous son novos, dirixidos ao norte de África e con 4,3 millóns de euros cada un. Con isto, a USC consolida a súa posición de líder das universidades españolas en participación en proxectos Erasmus Mundus, o que aumenta a atracción de estudantes de excelencia das rexións nomeadas á vez que fortalece a súa posición de universidade socia de referencia para o norte de África e Oriente Medio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2012.