Ir o contido principal

A USC consegue a referencia global para o seu Campus de Excelencia Internacional

De esquerda a dereita, Rogelio Conde-Pumpido, Manuel Puga, Juan Casares, Francisco González e Lourdes Noya
De esquerda a dereita, Rogelio Conde-Pumpido, Manuel Puga, Juan Casares, Francisco González e Lourdes Noya
O comité internacional de expertos concédelle a recualificación a Campus Vida

Logo de converterse en 2009 en Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional (CEIR), Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela acaba de acadar hoxe a recualificación como Campus de Excelencia Internacional de referencia global. Dáse así un paso máis para que Campus Vida sexa un verdadeiro bioclúster de referencia internacional nos eidos das ciencias da vida, entre as que se encontran a investigación biomédica e da química molecular e materiais. O Ministerio de Educación fixo pública a súa decisión unha vez presentadas este xoves en Madrid as argumentacións oportunas. A delegación da USC encabezada polo seu reitor Juan Casares –q ue definiu Campus Vida como “o biocluster científico e innovador da Galicia do século XXI”- estivo formada ademais polo presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez; a directora xeral de Galchimia, Carmen Pampín; o catedrático e director do Instituto de Ciencias Forenses “Luis Concheiro” da USC, Ángel Carracedo; o investigador do CIQUS, Francisco Rivadulla; o director de Xestión e Valorización de Investigación da USC, Rogelio Conde-Pumpido, e a alumna de Bioloxía, Ana Paula de Felipe. Nestes dous anos Campus Vida madurou de maneira exemplar sumando as capacidades dos seus xa máis de trinta socios en diversos ámbitos. Mentres no eido docente se creaba en 2010 a Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde, consolídase cada vez máis a UniverCidade como compromiso da Universidade co crecemento económico e de desenvolvemento sustentable de alí onde se asenta. Centros Singulares A Universidade de Santiago de Compostela quere, a través do seu Campus de Excelencia Internacional (CEI), impulsar a converxencia e a complementariedade dos recursos en obxectivos de alcance e de actuación transdisciplinarias, argumentou o reitor en Madrid. Nese sentido, no eido da investigación reforzouse o Bioclúster de I+D co impulso da Rede de Centros Singulares de Investigación e a súa asociación coa Rede de Centros Biosanitarios do SERGAS. A este respecto, puxéronse xa en marcha os centros de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e o de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e as actividades do de Tecnoloxías da Información (CITIUS) actualmente en construción. Ademais, conseguiuse a acreditación do Instituto de Saúde Carlos III para o Instituto de Investigacións Sanitarias, IDIS, onde traballan conxuntamente investigadores da USC e do CHUS. As capacidades de innovación e impacto traslacional de Campus Vida víronse fortalecidas coa integración dos dous centros de investigación (INIBIC e IBIV) de dous dos grandes hospitais da rede sanitaria galega, os de A Coruña e Vigo. É tamén destacable a creación do clúster empresarial biotecnolóxico BIOGA. Internacionalización Campus Vida avanzou tamén na súa internacionalización creando alianzas estratéxicas estables como o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía en Braga (Portugal), para o desenvolvemento dunha investigación de excelencia no campo das nanociencias e nanotecnoloxías aplicadas á saúde, ou diversas unidades e centros de investigación de referencia mundial. O éxito neste esforzo demóstrase pola consecución dunha posición de liderado na creación de redes comunitarias de excelencia como HIPEAC (European Network of Excellence on High Performance Embedded Architecture and Compilation) encabezada polo CITIUS ou a EUROFORGEN (European Forensic Genetics Network of Excellence) liderada polo CIMUS. Outros logros son a xestión de redes de formación, a formación de consorcios públicos-privados con algunhas das principais farmacéuticas europeas (recentemente creouse a Unidade Mixta USC-Esteve para o descubrimento de novos medicamentos) ou a aprobación pola UE do proxecto Campus Cultura, un ambicioso consorcio internacional para a promoción de desenvolvementos multiculturais que dará un novo pulo á UniverCidade. Captación de talentos Consciente de que Campus Vida só será sustentable se conta co mellor capital humano, definiuse un programa específico dirixido á atracción de talento. Froito deste esforzo colectivo acadáronse 3 contratos (Starting Grants) na convocatoria Europea do programa IDEAS neste ano 2011 que se suman ao acadado no ano 2010. Por outra banda, aprobouse o Proxecto TALENTGALIA para incorporar persoal investigador sénior ao sistema de I+D galego e convocouse a primeira chamada internacional de Contratos Predoutorais da Escola de Doutoramento Internacional. Todo, en aras de “incrementar a masa crítica de excelencia e a súa potencialidade científico-tecnolóxica”, sinala Juan Casares.

Despois da presentación en Madrid o reitor fixo público o seu agradecemento a todos os organismos e empresas sen as que este logro sería imposible.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2011.