Ir o contido principal

A USC e a Consellaría de Traballo e Benestar implantarán en 150 concellos galegos un novo servizo de seguimento para persoas maiores que viven soas no rural

O reitor Juan Casares e a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, asinarán un contrato administrativo especial para a implantación e mantemento dun servizo de monitorización do comportamento das persoas maiores que viven soas nas zonas rurais. A sinatura celebrarase este venres 14 ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome e nela tamén estará presente o profesor Jesús Varela Mallou, director da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom). MiAvizor é a denominación da aplicación deseñada por PsiCom e que será a base deste servizo integral de teleasistencia sociosanitaria para persoas que viven soas. Trátase dun sistema intelixente composto por uns sensores sen fíos instalados no fogar, que analiza de forma autónoma e automática a rutina da vida diaria dunha persoa, chegando a establecer perfís e hábitos de vida que se utilizan para o seguimento e monitorización da persoa maior no fogar. Segundo explica o profesor Varela Mallou, MiAvizor é actualmente o sistema de teleasistencia proactiva máis completo de Europa. Este proxecto vaise implantar ata decembro de 2015 en 500 fogares de 150 concellos de Lugo e Ourense.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2012.