Ir o contido principal

A USC e a Consellaría de Traballo e Benestar implantarán un novo servizo de seguimento para persoas maiores do rural

A USC e a Consellaría de Traballo e Benestar implantarán un novo servizo de seguimento para persoas maiores do rural
A USC e a Consellaría de Traballo e Benestar implantarán un novo servizo de seguimento para persoas maiores do rural

Definido como o sistema de teleprevención proactiva máis completo de Europa, MiAvizor é unha aplicación deseñada pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom) da USC que se vai implantar nos vindeiros anos en 500 fogares de preto de 150 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Esta iniciativa desenvolverase da man da Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para o que, este venres 14 no Colexio de San Xerome, o reitor Juan Casares e a conselleira Beatriz Mato asinaron un contrato administrativo especial para a implantación e mantemento dun servizo de monitorización do comportamento das persoas maiores que viven soas nas zonas rurais. Nesta acto protocolario de sinatura participaron ademais o director de PsiCom, Jesús Varela Mallou, e a secretaría xeral de Política Social, Coro Piñeiro. MiAvizor é a denominación da aplicación deseñada por PsiCom e que será a base deste servizo integral de teleprevención sociosanitaria para persoas que viven soas, ao que a Consellaría destina 811.622,88 euros. Trátase dun sistema intelixente composto por uns sensores sen fíos instalados no fogar, que analiza de forma autónoma e automática a rutina da vida diaria dunha persoa, chegando a establecer perfís e hábitos de vida que se utilizan para o seguimento e monitorización da persoa maior no fogar. Segundo explica o profesor Varela Mallou, MiAvizor implantarase ata decembro de 2015 en 500 fogares das provincias de Lugo e Ourense, concretamente na zona central, sur e na montaña luguesa, así como no Miño central, comarca de Valdeorras e Terras do Sil. Na segunda quincena deste mesmo mes comezarán unha serie de reunións orientadas a preselección de posibles destinatarios/as. Previamente, o sistema tense avaliado nunha experiencia piloto desenvolvida noutros 25 fogares do concello de Santiago. Na súa orixe, MiAvizor pretendía ser un sistema capaz de aprender e comprender o comportamento diario da persoa que vive sola no seu fogar, que fora intelixente, con capacidade de análise en tempo real, en alerta 24 horas todos os días do ano, para que en caso dunha caída, un desmaio, que a persoa non volva a casa, que no se esperte, que non coma ou que diminúa a súa mobilidade –entre outras situacións– avise de forma automática a un familiar ou a un profesional para poder axudala. Neste senso, os responsables do seu desenvolvemento definiron un sistema que debía ademais ser de fácil instalación, transparente, proactivo, económico, non intrusivo e efectivo. Seguimento continuado Os datos recompilados polos sensores van a unha base central que procesa, analiza e comproba a rutina da persoa, de modo que si detecta algún problema xera de forma automática unha alerta ou alarma, segundo o caso. Os datos achegan información detallada de horarios de sono, de comida, (uso da neveira, do microondas), uso do baño, do salón ou tempo de permanencia na habitación, entre outros. Toda a información recollida durante o día, se envía pola noite a un servidor central que a almacena, a procesa e produce uns informes que poderán ser consultados por familiares o profesionais a través dunha páxina web con seguridade integrada. O acceso a esta información confidencial, só estará permitido para aquelas persoas previamente autorizadas polo/a usuario/a ou, no seu defecto, polos profesionais debidamente acreditados (psicólogos/as, terapeutas ou servizos sociais dos concellos, entre outros). Fronte sistemas convencionais de seguimento de maiores que viven sos/as, o dispositivo deseñado pola Unidade da USC achega unha alternativa “transparente e autónoma, moi cómoda para o/a usuario/a”, sinala Varela Mallou. MiAvizor non espera que a persoa pulse ningún botón cando necesite axuda, como tampouco é necesario ningún tipo de coñecemento, nin de mantemento ou aprendizaxe previa. O director de PsiCom lembra que en caso de caída e/ou perda do coñecemento, a teleasistencia clásica é “completamente inoperativa xa que non hai posibilidade de pulsar ningún botón, sendo necesario esperar a chamada de control semanal para detectar unha posible incidencia”. A ‘vixilancia’ invisible A instalación de MiAvizor non precisa ningún tipo de obra, nin tirar cables xa que todos os sensores son sen fíos, e realízase en menos de media hora. Mediante os sensores instalados na vivenda, MiAvizor “aprende e analiza cada movemento da persoa dentro do seu fogar, ata coñecer os seus hábitos e rutinas”, explica o profesor Jesús Varela. A base central recibe a información destes sensores para procesala e analizala grazas aos seus algoritmos de intelixencia e así poder realizar un primeiro diagnóstico en tempo real. Estes algoritmos baséanse en regras do comportamento e teoremas xa existentes así como na experiencia de PsiCom no estudo do comportamento. O sistema permite conectarse dende calquera parte do mundo vía internet para poder acceder á vida diaria das persoas monitorizadas. Ademais, MiAvizor está deseñado para seguir evolucionando no tempo, cunha tecnoloxía de comunicacións actual, (ADSL, GPRS), pero sen esquecer a más utilizada pola poboación, como é a liña de teléfono básica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2012.