Ir o contido principal

A USC e o Consorcio coeditan a obra La Iglesia de Santiago y el pontificado en la Edad Media (1140-1417)

Xosé Manoel Sánchez Sánchez (Foto: SERVIMAV)
Xosé Manoel Sánchez Sánchez (Foto: SERVIMAV)
Da autoría de Xosé M. Sánchez Sánchez, o volume presentouse este mércores en San Xerome

O historiador Xosé Manoel Sánchez Sánchez presentou este mércores en San Xerome o seu libro La Iglesia de Santiago y el pontificado en la Edad Media (1140-1417) nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Juan Casares, e o presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, ambas as dúas entidades coeditoras da publicación.. Á presentación asistiron ademais a xerenta do Consorcio, María Antón; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco, e o seu homólogo do Consorcio, Juan Conde Roa. A Igrexa de Santiago, como o resto de sedes peninsulares e europeas, mantivo unha activa relación co papado ao longo de toda a Idade Media. O desenvolvemento da Igrexa dende Gregorio VII e a súa reforma no século XI ata o Concilio de Constanza trouxeron consigo un cambio na relación do papado coas sedes de Europa. Para comprender a evolución medieval compostelá hai que estudar a súa relación co pontificado, obxecto deste volume que fai a análise dende amplos e variados puntos de vista que van dende o económico ao social e do poder político e feudal ao ámbito pastoral ou xacobeo. O traballo, froito da tese doutoral de Xosé Manoel Sánchez que lle dirixiu Ermelindo Portela, elaborouse a partir de fontes pontificias custodiadas, principalmente, no Arquivo Secreto Vaticano e no Arquivo da Catedral de Santiago. O autor Xosé Manoel Sánchez é doutor en Historia Medieval pola USC e técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Actualmente imparte docencia de Historia Medieval no Centro Asociado da UNED en Pontevedra. É ademais autor de numerosos artigos, que publica en revistas como Archivum Historiae Pontificiae ou Anuario de Estudios Medievales, e de libros como Milites Templi. A Orde do Temple na vila de Melide (2006), co que obtivo o Premio de Investigación Histórica Vila de Melide, ou El pasado de los libros. Los códices compostelanos (2011). De esquerda a dereita, Juan Blanco, María Antón, Juan Casares, Ángel Currás e Juan Conde (Foto: SERVIMAV)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2013.