A USC e o Consorcio de Santiago presentan a reprodución facsimilar das Memorias del Arzobispado de Santiago

As Memorias del Arzobispado de Santiago rexistran nos cincocentos corenta e cinco folios orixinais a “descrición puntillosa da organización da diocese compostelá”, incluíndo visitas á práctica totalidade da súas fortalezas, hospitais e parroquias, “a impagable descrición das súas vilas e cidades, xunto cunha historia sucinta do Apóstolo Santiago”. Como “Confeccionadas con rigor” entre 1603 e 1620 polo canónigo cardeal Jerónimo del Hoyo, catrocentos anos despois este manuscrito recupera plena actualidade coa publicación dun volume de máis de mil páxinas coa reprodución facsimilar da obra de del Hoyo nunha edición elaborada pola USC e o Consorcio de Santiago coa colaboración do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela na imprenta universitaria.
O novo volume presentarase este mércores 21 nun acto público ás 11.30 horas no Salón reitoral do Colexio de San Xerome que presidirá o reitor Juan Viaño, xunto co alcalde de Santiago e presidente do Consorcio compostelá, Martiño Noriega; a xerenta do Consorcio, Belén Hernández Lafuente; o director do Arquivo Diocesano, Salvador Domato Búa; e o autor da introdución desta reprodución, Simón Vicente López. Na mesa presidencial tamén estarán presentes, os directores dos servizos de Publicacións do Consorcio e da USC, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, respectivamente.
As Memorias son o rexistro de canto atopou Jerónimo del Hoyo na visita pastoral realizada en nome do arcebispo Maximiliano de Austria ao longo de tres décadas. Como subliña o director do Arquivo Doicesano, séculos despois a obra “continúa sendo imprescindible para o estudo da Idade Moderna en Galicia”.