A USC convértese na primeira universidade de Galicia que ofrece recompensas por reciclar a través do programa RECICLOS

A USC acaba de dar un novo paso no seu compromiso coa sustentabilidade ao sumarse ao Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes, que premia a reciclaxe de latas e botellas de plástico de bebidas. A institución universitaria inicia —a través da instalación de seis máquinas RECICLOS— unha experiencia piloto, pioneira nos campus de Galicia, que dará os seus primeiros pasos en Santiago de Compostela, coa intención de aplicarse en Lugo cando Ecoembes dispoña da infraestrutura adecuada na cidade.
As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta RECICLOS, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obterán puntos, denominados RECICLOS, que poderán cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Deste xeito, a USC convértese na primeira universidade de Galicia en contar con este SDR, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe.
A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das máquinas situadas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, e na Facultade de Matemáticas.
“Para a comunidade universitaria, RECICLOS é a oportunidade de materializar nun mesmo xesto o seu compromiso co desenvolvemento sostible e o respecto ao medio ambiente xunto coa sensibilidade cara a temas de alcance social. Por outra banda, esta é unha iniciativa que entronca coa propia natureza universitaria, polo seu carácter transversal, máis aló da formación estritamente formal, e axuda a dar forma á misión dunha universidade de achegar unha formación integral”, explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.
Pola súa banda, Nieves Rey, directora de Comunicación e Marketing de Ecoembes, sinalou que “as xeracións vindeiras son quen teñen na súa man a posibilidade de converter o mundo nun lugar máis comprometido e sostible. Por iso, agradecemos a aposta da Universidade de Santiago de Compostela por RECICLOS para fomentar a reciclaxe entre os seus estudantes, dándolles, ademais, a oportunidade de colaborar con diversas iniciativas sociais e ambientais cun sinxelo xesto dende a súa facultade”.
Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela dende o ano pasado, onde máis de 600 contedores amarelos da cidade xa contan coa tecnoloxía RECICLOS, podendo os veciños recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.
