Ir o contido principal

A USC, convidada pola Universidade de São Paulo para amosar a súa experiencia en materia de sustentabilidade

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, participa esta semana no II Congreso Internacional de Investigación en Indicadores de Sustentabilidade (http://hygeia.fsp.usp.br/siades/) que organiza a Universidade de São Paulo. O convite esténdese tamén a dúas conferencias en relación coa Sustentabilidade en Universidades Españolas que se van a realizar nas cidades de São Carlos e São Paulo.
O evento pretende ofrecer un espazo para a aprendizaxe de experiencias e avances en indicadores de sustentabilidade e xestión ambiental. Para iso preséntanse resultados de investigacións e actividades en desenvolvemento relacionadas con indicadores medio ambientais.
No encontro participa a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco, que amosará a experiencia da USC na determinación de indicadores de sustentabilidade, en particular no cálculo da pegada ecolóxica. Falará do estudo recentemente presentado sobre o cálculo da pegada ecolóxica en dous centros da USC, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola Universitaria de Formación do Profesorado, que xa comezou a aplicarse a toda a USC.
A participación da USC no congreso complétase coa asistencia ás mesas redondas onde se tratará o deseño dun plan estratéxico para a colaboración en investigación en indicadores de desenvolvemento sostible. Tamén se ofrecerá a visión da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible en relación aos desafíos e perspectiva para a sustentabilidade socioambiental nas universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2008.