A USC convoca 1.971 prazas para estudar en centros europeos de educación superior
Os estudantes da USC dispoñen de prazo ata o 25 de febreiro para solicitar algunha das 1.971 prazas -1.752 para o Campus de Santiago- destinadas a cursar estudos en universidades europeas o vindeiro ano académico 2009-10. Son case catrocentas bolsas máis que na convocatoria Erasmus pasada, continuándose así coa liña de internacionalización pola que aposta a institución compostelá e que a sitúa á cabeza en canto a número de universitarios que participan no programa.
Os alumnos poden elixir cursar estes estudos entre máis de 350 centros universitarios de países de toda Europa, sendo necesario o coñecemento do idioma do lugar de destino, para o que o Centro de Linguas Modernas realizará unhas probas previas. Por centros, os que máis prazas ofertan son as Facultades de Filoloxía -414-, Económicas e Empresariais -219- e Xeografía e Historia -146-, ademais de Veterinaria en Lugo, con 219.
Axudas económicasXunto coa matrícula de balde nas universidades de destino, a Unión Europea poderá outorgar axudas económicas destinadas a sufragar os gastos de viaxe, a preparación lingüística ou a diferenza do custo da vida no país de acollida. En función da data na que se reciban os fondos de Bruxelas, estas axudas aboaranse aos estudantes en dous prazos, o primeiro dentro do último trimestre do 2009 (80%), e o segundo no primeiro de 2010 (20%).
Como estas bolsas non cobren a totalidade dos gastos no estranxeiro, o Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia poderán conceder aos bolseiros axudas complementarias. A pesares disto, os interesados deberán aboar á USC os prezos públicos establecidos para os estudos que realicen no curso académico 2009-2010.