Ir o contido principal

A USC convoca 27 bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria

Unha das actividades desenvolvidas durante o curso pasado na USC
Unha das actividades desenvolvidas durante o curso pasado na USC
A elas súmanse outras 9 do programa ‘USC en Transición’

A Oficina de Desenvolvemento Sostible e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC convocan este curso un total de 27 bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) –21 para o Campus de Santiago e 6 para o de Lugo–. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o día 28 de setembro. O cometido principal destas bolsas, que xa van pola súa novena edición, é a organización de actividades relacionadas co medio ambiente e o desenvolvemento sostible nos centros da USC. Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas colaborarán activamente na difusión de accións solidarias emprendidas dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria e a Oficina de Desenvolvemento Sostible. USC en Transición Por outra banda, e por segundo ano consecutivo, a Oficina de Desenvolvemento Sostible convoca 9 bolsas –6 en Santiago e 3 en Lugo– para a colaboración no Programa ‘USC en Transición’. Trátase con elas de dinamizar a comunidade universitaria para promover modelos de vida máis sustentables que contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade, reforzando á súa vez o sentimento de comunidade. O estudantado que desexe solicitar estas bolsas deberá presentar as instancias e a documentación necesaria nalgún dos rexistros xerais da USC, dentro dos prazos sinalados na convocatoria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2012.