A USC convoca 30 bolsas de axuda á escolarización de menores de 3 anos para o curso 2015-16 no campus de Lugo
O Consello de Goberno da USC vén de aprobar na súa última reunión a convocatoria de 30 bolsas de axuda á escolarización de menores de 3 anos para o curso 2015-2016 no campus de Lugo. O prazo de solicitude do denominado cheque infantil, ao que pode optar calquera persoa vinculada á comunidade universitaria do campus de Lugo da USC permanecerá aberto desde o 1 de xuño ata o 1 de xullo, segundo se recolle na convocatoria, na que tamén se precisa que poderán ser perceptoras desta axudas todas as familias cuxa renda persoal dispoñible xa inferior a 26.001 euros.
O obxecto da convocatoria destas axudas, que abranguen un período de 11 mensualidades e son incompatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, é a cobertura parcial do custo da praza nunha escola infantil (0-3 anos) desde setembro de 2015 ata xullo de 2016, ambos meses incluídos. A convocatoria para a adxudicación de axudas á escolarización de menores de 3 anos que vén de aprobar a USC establece como máximo a concesión de 22 cheques infantís para PDI e PAS vinculados ao campus de Lugo e reserva unha para solicitantes con discapacidade. Os estudantes de grao, primeiro e segundo ciclo e de másteres universitarios oficiais da USC poderán optar a 4 cheques infantís, un máis que os dispoñibles para estudantes de programas de doutoramento e investigadores en formación. O importe das achegas arbitradas ao abeiro desta convocatoria vai desde 79 a 186 euros mensuais en función da renda persoal dispoñible das persoas solicitantes e da duración de xornada de escolarización elixida (completa ou media, catro horas en quenda de mañá ou tarde). Os impresos de solicitude da axuda poderán recollerse na secretaría da Vicexerencia do Campus de Lugo en horario de 9 a 14 horas e tamén estarán a disposición das personas interesadas na páxina web da Vicexerencia do Campus de Lugo, onde tamén poderán toda a información ao respecto. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, poderán ser entregadas no Rexistro Xeral do Campus de Lugo, situado no Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, ou nas formas e lugares establecidos na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.