A USC convoca cursos de 12 linguas diferentes para o segundo cuadrimestre, co árabe como novidade

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta para o segundo cuadrimestre novos cursos de árabe, catalán, checo, chinés, danés, lingua de signos, portugués, ruso, xaponés, inglés, galego para non galegofalantes e español para estranxeiros. A matrícula estará aberta para toda aquela persoa maior de 16 anos desde o 23 de xaneiro ao 8 de febreiro. A oferta de cursos e os prazos de matrícula presentáronos en rolda de prensa este xoves o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; a directora do CLM, Katerina Vlasakova; e a profesora de árabe, Rawan Hamdan, que recupera esta lingua tras dez anos de ausencia na USC. Participou ademais a responsable del ingua de signos, Irene Rivas. En concreto, en Santiago haberá cursos de 40 horas de árabe, catalán, checo, chinés, danés, lingua de signos, portugués, ruso e xaponés e en Lugo cursos de lingua de signos e de inglés, este último de 40 horas presenciais e outras tantas de traballo autónomo. Ademais, nos dous campus impartirase galego para non galegofalantes e cursos intensivos de español para estranxeiros en febreiro (coa matrícula do 7 ao 15 dese mes) e regulares ao longo de todo o cuadrimestre (matrícula do 7 de marzo ao 1 de abril). Probas de nivel As persoas interesadas nos cursos cuadrimestrais terán que facer unha proba de nivelación o día 29 de xaneiro. O prazo para a inscrición nesta proba estará aberto desde o 23 ao 28 dese mes. Unha vez realizada, o alumnado deberá facer a matrícula correspondente ao nivel asignado. Os estudantes internacionais interesados nos cursos intensivos de español para estranxeiros terán que facer esa proba o 7 de febreiro, previa inscrición dende o día 1. Para o curso cuadrimestral a data será o 7 de marzo. Relevancia crecente O Centro de Linguas Modernas, que o ano pasado contou con 2.700 persoas matriculadas, quere subliñar a importancia crecente, unha necesidade en moitos casos, do coñecemento de idiomas estranxeiros. Así, o alumnado universitario ten que acreditar unha lingua estranxeira para acadar o título de grao (nun nivel B1 segundo o marco común europeo de referencia) e para poder participar nos distintos programas de mobilidade é imprescindible ter coñecementos básicos da lingua do sistema universitario de destino. O estudantado con bolsa Erasmus sole realizar os seus estudos nunha lingua distinta á do país onde están. Por este motivo o CLM oferta, mediante esta convocatoria cuadrimestral e a próxima de verán, cursos para adquirir coñecementos básicos tamén das linguas dos países do destino.