A USC convoca o Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas 2018-2019

A USC convoca o Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas para o próximo curso 2018-2019. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 29 de xuño. Con este programa, a USC continúa co seu compromiso de apoiar o estudantado procedente de áreas de conflito mediante a cobertura integral de matrícula e gastos de subsistencia.
Este programa está dirixido a persoas de fóra da Unión Europea que posúan o estatuto de refuxiado en España ou o teñan solicitado antes do remate desta convocatoria. Tamén poden solicitar esta axuda as persoas que posúan a acreditación por parte da Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR) ou da Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina (UNRWA). Diríxese ademais a persoas procedentes de países cos que a USC ten vínculos establecidos a través dos proxectos de cooperación Erasmus Mundus: Líbano, Palestina, Siria, Xordania, Irán, Iraq ou Iemen.
A convocatoria presenta dúas modalidades. Por un lado, dúas bolsas de nova adxudicación para iniciar ou continuar estudos de grao, máster ou doutoramento da USC. Por outro lado, unha convocatoria de renovación de bolsas outorgadas ao abeiro do mesmo programa para a continuación de estudos de grao, máster ou doutoramento na USC que foran concedidas durante os cursos 2017-2018 e 2016-2017.