Ir o contido principal

A USC crea o Club das Masculinidades Disidentes

De esquerda a dereita, Eva Aguayo, Mar Lorenzo, Xosé Ramón Pousa e Jorge García. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Eva Aguayo, Mar Lorenzo, Xosé Ramón Pousa e Jorge García. Foto: Santi Alvite
Esta iniciativa impulsada pola Oficina de Igualdade de Xénero botou a andar en Ciencias da Comunicación cun relatorio de Jorge García Marín sobre como involucrar aos homes na “ética do coidado”
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC (OIX) botou a andar este mércores, o Clube de Masculinidades Disidentes na Facultade de Ciencias da Comunicación. Un relatorio do profesor da área de Socioloxía e secretario do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero da USC, Jorge García Marín, foi o primeiro dunha serie de actos cos que a OIX pretende “reformular os esquemas, valores, condutas e pensamentos asociados ás masculinidades hexemónicas, mantendo unha actitude de cambio na que xa non se tolere ningunha discriminación nin desigualdade en relación ao sexo”. 

“Como universidade temos que contribuír aos cambios no mundo. Un dos máis necesarios ten que ver coa equidade con respecto ao xénero. Tense avanzado moito nos últimos anos, grazas ao impulso exercido polas ondas do feminismo, e agora este interpela directamente aos homes. Isto faise desde as nosas prácticas cotiás, co cambio persoal”, afirman dende a OIX á hora de explicar a necesidade deste tipo de intervencións. Esta actividade está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. 

Logo da nova campaña
Logo da nova campaña

Na súa intervención, baixo o título ‘Masculinidades en disidencia co patriarcado’, García Marín puxo o foco en como “a ética do coidado aplicada á educación dos nenos pode ser un xiro radical na concepción do ser humano, xa que fronte á consideración do home como ser independente, falto de emocións, auto suficiente e ocupador do espazo público aparece unha nova lóxica de transformación nas relacións entre a persoas, e máis en concreto a necesidade dos homes de tomar un protagonismo necesario nos coidados”.

Aprendizaxe social
García Marín subliñou como no proceso de aprendizaxe social, as mulleres aparecen relacionadas co coidado das persoas e do ámbito privado, mentres que os homes vincúlanse ao traballo produtivo e ao público. “A pesares dos avances, as estatísticas de uso do tempo demostran que os cambios son superficiais e que o machismo simplemente se transformou en micromachismos e estratexias de agachamento ou machismo a tempo parcial”, apuntou. 

“Certamente, a participación dos homes nos coidados aumentou, aínda que as responsabilidades domésticas máis ingratas seguen sendo dominadas por mulleres”. “Os homes incorporáronse a parte bonita dos coidados, polo que necesitan máis implicación en tarefas que requiren un traballo máis escuro, actividades que impliquen sobrecarga de traballo, non só a parte divertida”, advertiu o profesor ante o alumnado inscrito na actividade.

“Os homes deben incluír os coidados -continuou García Marín- na súa identidade masculina, e isto debe aprenderse dende unha idade temperá, traballando para promover o coidado para que comecen a responsabilizarse non só do coidado dos demais senón do coidado de si mesmos. Incluso desde a lóxica da masculinidade hexemónica, coidar de si mesmo é unha tarefa que leva moito tempo, porque a súa vida está ao borde, intentando arriscarse constantemente”, concluiu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2019.