USC e CSIC colaboran nun proxecto conxunto de biocontrol de cultivos

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) colaborará coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (MBG) na posta en funcionamento dunha Unidade Asociada, cunha vixencia inicial de tres anos de duración, no ámbito do Biocontrol de cultivos. Por parte da USC atópanse implicados nesta Unidade conxunta co CSIC, Fernando López, actualmente científico titular do CSIC asignado ao CiQUS, José Luis Mascareñas e tamén Beatriz Orosa. Os investigadores responsables do proxecto serán o profesor Mascareñas e Antonio de Ron Pedreira (MBG).
A Unidade estudará os efectos beneficiosos e sostibles de axentes de biocontrol e os seus metabolitos secundarios en distintos tipos de cultivos, como a xudía común, unha cuestión aínda pouco explorada tanto dende o punto de vista dos distintos tipos de metabolitos como do tipo de planta que se cultiva. Ademais de avaliar as alternativas máis beneficiosos e as súas funcións, a Unidade Asociada tratará o deseño e síntese nos laboratorios do CiQUS de análogos químicos máis sinxelos que poidan exercer o mesmo comportamento sobre os cultivos.
A finalidade última deste proxecto é aumentar a protección das leguminosas contras as enfermidades, favorecer o seu crecemento e mellorar as propiedades dos seus froitos e sementes, así como reducir o impacto da produción agrícola no medio ambiente mediante a limitación do uso de agroquímicos, contribuíndo a mitigar o cambio climático. Igualmente, a colaboración persegue identificar efectores dos patóxenos e entender a súa actividade no bloqueo da ruta de sinalización de defensa da planta ante enfermidades. En conxunto, os equipos implicados prevén que o seu traballo permitirá evitar efectos medioambientais asociados á maioría dos tratamentos agroquímicos dispoñibles no mercado.