A USC denuncia no 25N que a violencia contra as mulleres é unha ameaza para a saúde pública mundial

As violencias contra as mulleres constitúen unha ameaza para a saúde pública mundial e, en condicións de emerxencia como a actual pandemia por mor da COVID-19, esta situación increméntase. Ante tales circunstancias, as universidades deben pór énfase en facer visible a persistencia das violencias e paliar o seu impacto, tal e como apunta o Manifesto con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, que a USC subscribe xunto a máis de medio cento de universidades.
Diversos membros da comunidade universitaria deron lectura a un manifesto para evidenciar o compromiso da institución na loita contra a violencia machista. “Como en calquera outro ámbito da nosa sociedade, nas universidades tamén se viven diferentes formas de violencia e discriminación baseadas nas relacións asimétricas de poder entre mulleres e homes”, sinala o manifesto. “Trátase, sen dúbida, dun problema para os gobernos universitarios que, ante a falta de denuncias formalizadas, pode facilmente percibirse como algo puntual, fortuíto ou esporádico”, denuncia o texto.
Invisibilidade
A dificultade de chegar a toda a comunidade universitaria ou o descoñecemento das estruturas de apoio con que pode contar a persoa que sofre unha agresión machista, son algunhas das causas da invisibilidade deste tipo de violencias no seo das universidades. Xunto a elas, sitúanse, tal e como establece o manifesto, a normalización das condutas sexistas, o sentimento de culpa e o medo a denunciar das vítimas, ou a hostilidade do agresor e a súa contorna, así como “os efectos perversos que a denuncia pode implicar na carreira profesional ou académica”.
O compromiso firme e contundente nas declaracións institucionais contra a violencia machista, así como a formación e sensibilización na materia para todo o persoal que traballa nas universidades, entre outros aspectos, eríxense en instrumentos esenciais para loitar contra as violencias machistas. “Para iso é imprescindible que as universidades dispoñan de recursos humanos e materiais suficientes e permanentes, resultado dunha distribución equitativa e racional dos recursos do Pacto de Estado (acción oitava), facilitando con iso a realización de estudos e informes de impacto dos diferentes indicadores de acoso e agresións no seu ámbito de competencia”, denuncia o manifesto.
Axenda de actos
Os campus de Lugo e Santiago acolleron ao longo deste 25N un nutrido programa de actividades que continuarán, nalgúns casos, a desenvolverse nas xornadas vindeiras. Así, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo elaborou un collage de fotos individuais con lemas en contra da violencia machista, alén de realizar un photocall. O lema ‘A Facultade de Ciencias di Non á Violencia de Xénero’ foi tamén difundido por este centro a través das súas canles de comunicación social, así como o ‘Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero’.
A violencia económica centrou o seminario que na Facultade de Dereito impartiu a relatora Belén Trigo García; mentres que o alumnado das titulacións de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, baixo a coordinación do profesor Jorge García Marín, desenvolveron diversas performances en diferentes puntos da cidade de Santiago para denunciar a situación das mulleres vítimas de violencia machista. A Facultade de Óptica e Optometría elaborou, pola súa parte, un folleto específico para reivindicar este 25N que difundiron en redes socias e proxectaron na pantalla do centro. Asemade, a realización de fotografías conmemorativas nas facultades de Química e Filosofía, así como no propio Colexio de Fonseca, completou unha xornada na que tamén se desenvolveu a actividade ‘A loita tendida’, a cal consistiu en "tender" nas entradas da Facultade de Psicoloxía as camisetas e pósters da campaña ‘Compostela en negro’.
A difusión do libro dixital 7 relatos curtos contra a violencia de xénero cos relatos finalistas do III Concurso de relatos curtos centrados nesta temática, nutriu o programa de actividades dunha semana na que tamén se están dando a coñecer, a través das redes sociais da USC, os textos gañadores do VI Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero.
O 3 decembro, ás 13.00 horas, na Facultade de Dereito, Alicia Villalba profundará na prevención do acoso sexual universitario. As inscricións para este relatorio debe efectuarse a través do enderezo zderdeca [at] usc.es (zderdeca[at]usc[dot]es). Pola súa parte, a Facultade de Formación do Profesorado impulsa o relatorio en liña ‘A trata: unha forma de violencia de xénero’ que se desenvolverá o venres 11 de decembro ás 10.30 horas a través de Teams e que correrá a cargo de Daniel Bóveda Castro, coordinador da ONG ACCEM Vigo.
Webminars
O ciclo de conferencias sobre os resultados dos distintos proxectos de investigación concedidos dentro da convocatoria da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, consta de diversos webminars. Así, este mércores trázase un diagnóstico do acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC. Este foro en liña é o resultado dun proxecto liderado por María José Méndez Lois e no que toma parte a relatora da xornada e investigadora, Milena Villar Varela. A sesión está moderada pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. O outro dos webminars corresponde a un proxecto coordinado polo profesor Fernando Lino Vázquez González e levará por título ‘Prevalencia da violencia sexual, correlatos e psicopatoloxía asociada en universitarias’. Tamén en liña e xunto a Vázquez González, intervirá no foro a investigadora Lara López Ares. A sesión desenvolverase o 2 de decembro ás 17.00 horas.





