Ir o contido principal

USC e Deputación acordan continuar co plan de choque a prol do campus de Lugo con 350.000 euros para o ano 2016

De esquerda a dereita, Javier Bueno, Juan Viaño e Darío Campos, no Pazo de San Marcos
De esquerda a dereita, Javier Bueno, Juan Viaño e Darío Campos, no Pazo de San Marcos
O reitor Juan Viaño realizou este martes unha visita institucional ao presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, no Pazo de San Marcos

A USC e a Deputación Provincial de Lugo acordaron dar continuidade en 2016 ao plan de choque a prol do campus de Lugo con 350.000 euros, segundo adiantou o presidente Darío Campos Conde ao reitor da USC, Juan Viaño, no marco dunha reunión celebrada este martes no Pazo de San Marcos e na que tamén participou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno.

As dúas institucións manterán as colaboracións que ata a data contaban con financiamento da Deputación Provincial no campus de Lugo, ao tempo que estudan intensificar novas vías de cooperación para o vindeiro ano 2016. Deputación e USC asinaron no 2014 un protocolo de colaboración para a posta en marcha dun plan de choque a prol do campus de Lugo logo de constatar unha progresiva perda de alumnado durante a última década. Dende entón, Deputación e USC puxeron en marcha campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, ofreceron descontos do 50% na matrícula para estudantes de primeiros cursos en dez dos títulos de grao do campus, un plan de captación de talento para custear integramente a matrícula dos mellores expedientes de BAC, FP e Grao, bolsas para fomentar as titulacións de máster ou para os cursos de verán, entres outras actuacións. As medidas contempladas neste acordo entre Deputación e USC a prol do campus de Lugo abranguen desde a realización de plans de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do campus de Lugo, ata a creación de programas de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda, plans de captación de estudantes doutras nacionalidades e de apoio ás prácticas de campo, así como programas de bolsas de investigación en grupos. O fomento das titulacións de máster, a potenciación dos cursos de verán na provincia de Lugo, o estudo sobre a viabilidade do uso da Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias, o impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías, a concesión de incentivos a traballos de fin de grao e fin de máster, o impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos, a posibilidade de incrementar os fondos existentes na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e a análise das infraestruturas deportivas e docentes son outras das medidas contempladas neste acordo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2015.