Ir o contido principal

USC e Deputación bonifican o 50% do custo da matrícula en 10 dos 15 títulos de grao impartidos no campus de Lugo

Darío Campos e Javier Bueno, na presentación da campaña 'Para estudar, Lugo'
Darío Campos e Javier Bueno, na presentación da campaña 'Para estudar, Lugo'
Javier Bueno e Darío Campos presentan a terceira edición da campaña ‘Para estudar, Lugo’, que contribuíu a aumentar número de alumando matriculado desde hai 2 anos

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentaron este mércores nos xardíns do Pazo de San Marcos ‘ Para estudar, Lugo’, unha campaña de promoción de Lugo como cidade universitaria e que ofrece descontos do 50% no custo da matrícula aos novos estudantes de primeiro curso en 10 titulacións de grao ofertadas pola USC nos distintos centros do Campus Terra.

O abano de titulacións de grao incluídas nesta terceira edición de ‘Para estudar, Lugo’ e para que as que se ofrecen un desconto do 50% do custo da matrícula son: Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, Administración e Dirección de Empresas. A Deputación Provincial de Lugo destina unha partida de 120.000 euros a financiar a metade do custe das novas matrículas en primeiro curso de cada unha destas titulacións. A posta en marcha da terceira edición desta campaña incluída no plan de impulso do campus de Lugo promovido pola Deputación Provincial en colaboración coa USC pretende dar continuidade ao éxito das dúas anteriores convocatorias. De feito, as accións promovidas ao abeiro deste plan desde 2013 permitiron incrementar en 10 puntos a taxa de ocupación da totalidade de prazas que ofrece a USC en Lugo. O aumento da matrícula acadou ou 18% de media no caso das 10 titulacións de grao que non cobren as prazas ofertadas para novo alumnado. Ao inicio do curso 2013-2014, a taxa de ocupación de prazas no Campus de Lugo era do 62,9%. Tras as campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, que se levaron a cabo nos cursos 2014-2015 e 2015-2016, esta sitúase hoxe no 71,7%. Son case 10 puntos máis. Con respecto ás 10 titulacións con descontos, hai dous anos o número de estudantes era de 258. Coas axudas da Deputación na matrícula dos últimos dous anos, os alumnos ascenderon aos 304. Isto supón un incremento do 18%. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, destacou o cambio de tendencia da caída na matrícula universitaria que propiciou a posta en marcha do plan de impulso ao campus de Lugo, cuxas accións contribuíron a que a sede universitaria luguesa, que na actualidade conta con arredor de 4.100 estudantes, captara a comezos do actual curso 2015-2016 máis de 1.200 novos estudantes en todas as titulacións de grao e posgrao ofertadas pola USC nesta sede universitaria. O aumento da oferta de cursos de verán da USC na sede universitaria luguesa e noutras localidades da provincia, unha programación que o curso contou con preto de 600 alumnos inscritos, e que este ano podería ser aínda maior, e o crecemento de estudantes internacionais entre os novos universitarios son outros dos aspectos positivos da campaña sinalados por Bueno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2016.