USC, Deputación e Concello de Lugo colaboran no proxecto Life ‘Lugo+Biodinámico’, dotado con 3,5 millóns de euros
A USC, a Deputación e o Concello de Lugo colaborarán no desenvolvemento e na execución das actuacións contempladas no programa ‘Lugo+Biodinámico’, un proxecto financiado nun 50% través do plan europeo de Medio Ambiente e Acción polo Clima (Life) da UE e dotado con 3,5 millóns de euros.
Este programa Life prevé a planificación urbanística sostible nunha área da cidade de Lugo intermedia entre o polígono industrial e a trama urbana, na que se fomentará o uso da madeira na construción para reducir a emisión de dióxido de carbono e potenciar o sector forestal, segundo indicou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na presentación deste programa, un acto no que tamén participaron Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro. A alcaldesa Lara Méndez informou da concesión ao Concello de Lugo por parte da UE do programa Lugo+Biodinámico, a través do que será posible desenvolver novas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental. Estas actuacións permitirán “mellorar a calidade de vida dos veciños, farán de Lugo unha cidade máis verde e abrirán novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural constructivo”, explicou Méndez, que tamén estivo acompañada dos técnicos da empresa pública municipal Evislusa Benigno Jáuregui e Susana Penedo, que forman parte do equipo promotor e redactor da candidatura. Un éxito da colaboración entre administracións Lugo+Biodinámico “é un novo éxito da colaboración entre administracións. Demostra que as sinerxias axudan a captar investimentos que benefician directamente os veciños”, subliñou Lara Méndez, quen asegurou que os datos avalan que “xuntos fixemos un gran traballo”. De feito, tal e como apuntou, das 1.200 propostas presentadas, só se aprobaron 26 en toda Europa. A de Lugo foi a única de toda España, xunto coa da Xunta de Andalucía. Orzamento O proxecto conta un orzamento de 3.588.552 euros, dos que a Unión Europea achega a metade, 1,7 millóns, o Concello 541.340 euros e a Deputación 526.220 euros, mentres a contribución da USC, como da Politécnica de Madrid consiste na achega de persoal, traballo e coñecemento, avaliados economicamente en 728.000 euros. Un modelo a estender O proxecto, que comezará a executarse en xaneiro de 2016 e se desenvolverá ata mediados do 2020, pretende deseñar a escala en dúas zonas do norte de Lugo, entre os polígonos das Gándaras e o Ceao, un modelo urbanístico e medioambiental sostible, que serva de referencia e se poida estender a outros lugares da provincia e do resto de Galicia, e mesmo de España. Ten dous piares. Por un lado, fomentar a utilización da madeira como material de construción para reducir a emisión de dióxido de carbono e mitigar deste xeito os efectos do cambio climático, e impulsar ao mesmo tempo o sector forestal, tanto a nivel dos produtores, pois ábrense novas saídas para o produto e increméntase o seu valor engadido, como da industria da madeira. O outro piar consiste en impulsar unha planificación urbanística sostible. As actuacións demostrativas e de urbanismo sostible As actuacións fundamentais incluídas no proxecto contemplan crear unha parcela de silvicultura de frondosas, fundamentalmente de carballo, pradairo, cerdeira e freixo, para a produción de madeira de alta calidade. Acondicionar unha parcela de cultivos enerxéticos para producir biocombustibles de elevada eficiencia enerxética, que abastecerán de enerxía ao edificio bioclimático de madeira que tamén se proxecta neste proxecto, crear un souto con variedades de castiñeiro tradicionais, recuperar e poñer en valor un bosque de ribeira de 5 hectáreas, e construír un edificio piloto en madeira con consumo enerxético nulo, son outras das accións previstas No eido do urbanismo sostible, contémplanse deseñar un catálogo de solucións de deseño urbano que contribúan a frear o cambio climático, implantar un plan estratéxico de infraestruturas ecolóxicas para aplicar no futuro desenvolvemento da cidade, e planificar zonas de confort climático residencial, son outras das accións previstas.