USC e Deputación de Lugo activan un plan de captación de talento para as titulacións impartidas no campus lugués

A USC e a Deputación de Lugo activan un plan de captación de talento para o campus de Lugo, a través do que se financiará o custe íntegro da matrícula dos seis mellores expedientes académicos que formalicen a súa inscrición na convocatoria de xullo en calquera dos títulos de grao impartidos pola USC na sede universitaria luguesa para o curso 2015-2016.
A iniciativa ‘Estudar en Lugo ten premio’, presentada este luns no Pazo de San Marcos polo presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, no Pazo de San Marcos, contempla asemade a concesión de 45 bolsas de matrícula para comezar estudos de posgrao no campus de Lugo da USC dirixidas a premiar o esforzo das tres persoas que completen cunha cualificación máis alta calquera dos estudos de grao ofertados na sede universitaria luguesa. O plan de captación de talento para o campus de Lugo conta cunha achega orzamentaria de 128.000 euros, segundo indicou o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, quen subliñou que esta medida de discriminación positiva a prol da sede universitaria luguesa constitúe o cumprimento dun dos compromisos adquiridos polo ente provincial a través dos orzamentos participativos postos en marcha pola Deputación de Lugo e nos que os lugueses demandan un maior impulso cara o campus. O plan de captación de talento ‘O teu esforzo ten premio en Lugo’ beneficiará a un total de 135 estudantes, segundo indicou Gómez Besteiro, quen precisou que das seis matrículas gratuítas ofertadas en cada titulación de grao, catro serían para estudantes de Bacharelato e dúas para os universitarios/as de novo ingreso procedentes de Formación Profesional. No caso dos premios ás persoas graduadas no campus de Lugo con mellores expedientes académicos nas convocatorias de xaneiro e xuño de 2015, este plan de captación de talento ofrece 45 matrículas de balde en calquera dos másteres programados pola USC en Lugo para os tres mellores expedientes de cada un dos títulos de grao. Gómez Besteiro subliñou asemade que a concesión destas axudas incluídas no plan de captación de talento non serán compatibles para as persoas que xa gocen doutro tipo de bolsa que cubra os gastos de matrícula, polo que, de ser o caso, estas bolsas pasarían aos seguintes candidatos. Gómez Besteiro expresou asemade o seu convencemento de que este plan de captación de talento, xunto co plan de choque a prol do campus de Lugo posto xa en marcha a comezos do actual exercicio académico reportará efectos positivos para a sede universitaria de Lugo e tamén para a sociedade luguesa. O presidente da Deputación sinalou neste senso que as persoas graduadas universitarias que resulten beneficiarias dalgunha das bolsas de matrícula para cursar titulacións de máster no campus de Lugo da USC durante o curso 2015-2016 pasarán tamén a colaborar nalgún coa Deputación de Lugo a través dalgún dos seus servizos, a fin de favorecer e reverter na sociedade a transferencia do seu coñecemento. Aumento da matrícula de novo ingreso O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, agradeceu publicamente este novo programa a prol do campus de Lugo da USC posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo, logo do plan de choque xa activado a comezos do presente curso e que, entre outros, resultados, permitiu rachar con catro anos de diminución das estatísticas de matrícula de estudantes de novo ingreso no campus lugués. Bueno Lema remarcou neste senso que o plan de financiamento do 50% da matrícula por parte da Deputación Provincial de Lugo en sete dos 15 títulos de graos ofertados pola USC en Lugo deparou un aumento do número de estudantes incorporados á USC na sede luguesa no curso 2014-2015, no que se computaron un total de 741 novas matrículas fronte ás 687 do ano anterior. Este incremento aínda foi moito máis notable no caso dos sete títulos de grao obxecto do plan de choque impulsado pola Deputación de Lugo, nos que se experimentou un aumento de alumando de preto do 40% respecto do curso 2013-2014, ao pasar de 137 a 191 estudantes de novo ingreso. O incremento do número de cursos de verán propostos para o seu desenvolvemento na provincia de Lugo, que pasou de 15 en 2014 a 25 en 2015, e o incremento nun 96% do número de estudantes de ensino medio que visitaron as instalacións universitarias luguesas no marco das xornadas de achegamento organizadas ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, nas que este ano participaron un total de 470 estudantes (240 en 2014) foron outros dos méritos atribuídos por Bueno ao plan de choque promovido polo actual equipo de goberno da USC en colaboración coa Deputación de Lugo. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo sinalou asemade as medidas de estímulo desenvolvidas nos últimos meses en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo permitiron mellorar o grao de internacionalización da sede universitaria luguesa, que este curso conta con 168 estudantes estranxeiros inscritos nas súas titulacións de grao e posgrao, un 13% que o curso pasado. Lema subliñou neste senso a presenza de 80 estudantes de México e 20, procedentes de Brasil, cifras que reforzan a idea de que o campus de Lugo pode ser un referente en Latinoamérica.