USC e Deputación de Lugo actualizarán a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da provincia
O reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a actualización, análise, mantemento e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da provincia de Lugo. A institución provincial compromete unha achega para este fin de 91.000€ en dúas anualidades, a deste 2021 e a de 2022, e a Universidade farase cargo de 8.000€.
A EIEL constitúe un inventario estatal dos servizos de todos os municipios de menos de 50.000 habitantes e é o instrumento básico de valoración das necesidades dos concellos a efectos da cooperación económica local do Estado. Os datos que se obteñan serán enviados ao Grupo de Traballo da EIEL (GT-EIEL) do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.
A Deputación e a USC amosan con este acordo un compromiso conxunto para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sostible dos concellos da provincia de Lugo, tentando diagnosticar os posibles desequilibrios existentes en materia de infraestruturas e equipamentos. O resultado deste traballo xerará un importante valor engadido ás actuacións e iniciativas promovidas tanto pola institución provincial como pola USC.
O Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, un grupo de investigación e docencia que centra o seu traballo no territorio e nomeadamente no rural, será o encargado de desenvolver as accións contempladas e financiadas con cargo a este convenio.
As actuacións previstas servirán para recompilar datos procedentes de proxectos dos anos 2020 e 2021 de obras de infraestruturas, execución de equipamentos municipais e de calquera outra obra de interese que estean rematadas ou en execución. Inclúese tamén a visita física e presencial aos diferentes concellos para comprobar os datos, recoller información de novas infraestruturas e elementos que non foran contemplados en fases anteriores.
Así mesmo, este acordo servirá para prestar asistencia aos concellos ao respecto deste traballo e tamén a aquelas entidades, empresas e particulares que a precisen. Tamén se lle impartirá un curso en sistemas de información xeográfica (SIX) a técnicos municipais en relación con esta enquisa.
EIEL na provincia
O Laboratorio do Territorio da EPS de Enxeñaría da USC colabora desde o ano 2000 coa Deputación Provincial de Lugo nas tarefas de implementación e actualización da Enquisa para a Provincia de Lugo, elaborando un inventario detallado das infraestruturas e equipamentos locais de todos os concellos, agás da capital provincial. A enquisa engloba dende a súa constitución máis de 3.750 entidades de poboación recoñecidas no Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística (INE), se ben dende a edición do 2016 vense realizando unha ampliación anual que chega a analizar a 5.000 entidades de poboación, segundo se puxo de manifesto na sinatura deste novo acordo, no marco dunha sesión á que tamén asistiu a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel.