Ir o contido principal

A USC e a Deputación de Lugo asinan dous convenios para o fomento dos másteres no Campus de Lugo e a potenciación da Universidade de verán na provincia luguesa

Elena Candia e Juan Viaño durante o acto protocolario de sinatura dos dous convenios. Foto: Deputación de Lugo
Elena Candia e Juan Viaño durante o acto protocolario de sinatura dos dous convenios. Foto: Deputación de Lugo

“Queremos que Lugo sexa un referente na xeración de coñecemento no sector gandeiro e agroalimentario e que a Deputación nos acompañe na nova etapa que iniciaremos co proxecto Campus Terra en colaboración tamén coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria”. Así definiu o reitor Juan Viaño os obxectivos da USC para o futuro do Campus de Lugo no acto protocolario de sinatura este mércores 11 de senllos convenios coa Deputación luguesa para o desenvolvemento do plan específico que ambas institucións desenvolven dende o pasado ano orientado a aumentar a visibilidade do Campus de Lugo así como a captación de estudantado universitario. O reitor e a presidenta da Deputación, Elena Candia López, acompañados do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, asinaron dous convenios de colaboración para o desenvolvemento de másteres universitarios no campus lugués e para a potenciación dos cursos de verán na provincia. En ambos os dous casos, poranse en marcha senllos plans de axudas económicas. O reitor, que agradeceu o “apoio sempre firme e decidido” da Deputación a todas as iniciativas propostas, salientou que o plan actualmente vixente é “unha mostra máis desa boa colaboración institucional”. Neste contexto explicou que as iniciativas acometidas en 2014-2015 permitiron que “ as titulacións de grao con menos demanda incrementaran o alumnado de novo ingreso nun 39% e que o Campus de Lugo aumentara globalmente a captación de estudantes novos”. Os datos provisionais dispoñibles para o próximo curso académico “reafirman o convencemento en seguir coa campaña de difusión xa que a matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao no mes de xullo aumentou nun 8% respecto aos datos do ano pasado para ese mesmo mes”, engadiu Viaño. Nesta liña encádranse os convenios asinados este mércores xa que no caso do documento para o fomento das titulacións de másteres oficiais, permitirá a realización de plans específicos para estes estudos. Así, dez titulacións de máster que se imparten no Campus recibirán axudas de ata tres mil euros. Polo que se refire á colaboración para o fomento da realización de actividades da universidade de verán na provincia de Lugo, o reitor indicou que as accións xa desenvolvidas incrementaron un 67% o número de propostas presentadas, de 15 a 25 e permitiu aumentar o número de persoas matriculadas, próximo ás 500. Ademais, a Universidade de Verán incluíu actividades en toda a provincia cos cursos realizados en Guitiriz, Piornedo ou Seoane do Courel entre outros. Pola súa banda, Elena Candia manifestou o compromiso da institución provincial coa USC para seguir construíndo en Lugo un Campus de calidade e excelencia, “capaz de ofrecer unha oferta educativa demandada e orientada á posta en valor dos principais recursos da nosa provincia”. De esquerda a dereita, Javier Bueno, Juan Viaño e Elena Candia. Foto: Deputación de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.08.2015.