Ir o contido principal

USC e Deputación poñen en marcha un plan de choque para a promoción do campus de Lugo e a captación de máis estudantes

José Ramón Gómez Besteiro e Juan Manuel Viaño, na Deputación de Lugo
José Ramón Gómez Besteiro e Juan Manuel Viaño, na Deputación de Lugo
O reitor Juan Viaño di que a USC quere revitalizar o campus de Lugo e deter a caída da matrícula debida á demografía, a crise económica e problemas de atractivo dos títulos

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este martes un plan de choque con diversas medidas e actuacións orientadas á promoción da sede universitaria do campus de Lugo e do seu abano de titulacións, a fin de aumentar así a captación de alumnado e frear unha situación de progresiva caída da matrícula.

O principal obxectivo deste programa de medidas, impulsadas de xeito conxunto entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo é que xa comezaron a desenvolverse cunha campaña de difusión das titulacións universitarias impartidas en Lugo entre o estudantado preuniversitario e coa inminente posta en marcha dun plan de comunicación de Lugo como cidade universitaria, pasa por revitalizar a sede universitaria luguesa e captar máis estudantes para todas as titulacións ofertadas. O plan de choque para o campus de Lugo constata o compromiso adquirido por este equipo de goberno coa sede universitaria luguesa e pretende recuperar a importancia que este campus tivo e ten no conxunto da USC, salientou Viaño. Nun contexto xeneralizado de caída do alumnado universitario, o reitor recoñeceu abertamente a significada diminución da matrícula rexistrada no campus de Lugo na última década, na que perdeu preto do 50% da matrícula, ata situarse arredor dos 4.500 estudantes no curso 2013-14, aínda que expresou o seu convencemento de poder reverter esta situación nos vindeiros anos. “Este plan de choque é unha actuación de urxencia para o goberno da USC, logo de detectar que no campus de Lugo, onde existen titulacións na Escola Politécnica Superior ou nas Facultades de Ciencias e de Humanidades que teñen problemas de baixa captación de estudantes matriculados”, sinalou o reitor da USC. Viaño apuntou a conxuntura demográfica, a crise económica e supostos problemas de atractivo dalgúns títulos como posibles causas desta situación perda de alumnado. Optimista de cara a manter no futuro a actual oferta académica do campus de Lugo, o reitor da USC dixo que nas conversas mantidas coa Consellería de Educación existen moitas portas abertas para manter títulos con pouca matrícula pola vía do recoñecemento da súa singularidade ou por cuestións excepcionais. Asemade, preguntado polos xornalistas sobre a conveniencia de apostar polo sistema de préstamos universitarios suxerida polo Ministerio de Educación, Viaño manifestou a súa negativa a que a implantación de préstamos supoña a eliminación do programa de bolsas universitarias, ao tempo que avoga por desenvolver esta cuestión con máxima cautela. Medidas Respecto das medidas contempladas neste plan de choque para o campus de Lugo da USC, Viaño citou como máis urxentes a promoción de Lugo como cidade universitaria e a disposición dun plan de bolsas para axudar a sufragar gastos de matrícula dos estudantes que cursen algunha das titulacións impartidas en Lugo, especialmente aquelas que teñen problemas de demanda. O desenvolvemento dun plan de captación de estudantes doutras nacionalidades e dun programa de apoio para a realización de prácticas de campo por parte do estudantado do campus lugués son outras accións a desenvolver ao longo dos vindeiros anos, do mesmo xeito que outras actuacións encamiñadas a fomentar os títulos de máster, así como á celebración de máis cursos de verán na provincia, o impulso da docencia non presencial, a divulgación científica e captación de novos talentos, incentivar os traballos fin de grao e máster, ou a análise sobre a necesidade de novas infraestruturas deportivas e docentes no campus de Lugo... Proxecto compartido As actuacións propostas pola USC neste plan de choque para o campus de Lugo son “totalmente compartidas pola Deputación de Lugo”, subliñou o seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, quen comprometeu o apoio do organismo provincial ao desenvolvemento das accións suxeridas polo Goberno da USC para revitalizar o campus de Lugo. “A baixada de estudantes no campus de Lugo é un problema para o campus e para Lugo, pero tamén para a USC e para o conxunto de Galicia”, subliñou Gómez Besteiro, que lembrou neste senso a grave incidencia da caída demográfica en todos os niveis da sociedade, como xa se alertara desde a Deputación de Lugo. As achegas orzamentarias destinadas pola Deputación de Lugo para levar á práctica o plan de choque para o campus de Lugo están sen concretar, pero perfilaranse nas próximas datas, sinalou Gómez Besteiro, que destacou a rapidez coa que se a USC e a Deputación están a afrontar esta problemática. “Este acto é xa o primeiro elemento do necesario plan de comunicación para presentar e difundir as vantaxes e as potencialidades que ten o campus de Lugo”, dixo Gómez Besteiro, que ve fundamental exhibir as potencialidades de Lugo e do seu campus universitario para así poder competir en condicións de igualdade con outras universidades e ou institucións. O presidente provincial manifestou asemade a súa total sintonía co goberno da USC dirixido polo reitor Juan Manuel Viaño Rey, ao que lle agradeceu que a súa primeira saída da Reitoría compostelá fora precisamente a Lugo, e, máis en concreto, á Deputación Provincial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2014.