A USC e a Deputación Provincial de Lugo anuncian o comezo das expropiacións enmarcadas no proxecto Campus 2015
O reitor en funcións da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; anunciaron este mércores os avances na primeira fase do desenvolvemento do proxecto Campus 2015. O pleno provincial de xuño aprobará o proxecto de expropiación da parcela comprendida entre a Avenida Pablo Iglesias e a Rúa das Pedreiras, unha intervención na que o organismo provincial inviste máis de 1 millón de euros. Trátase dunha zona de 11.756 metros cadrados reservada a centros de investigación, transferencia e emprendemento como o Centro Singular de Investigación ou o Edificio Emprendia, e onde ademais se ubica a futura Escola de Enxeñaría Civil.
O titular do organismo provincial destacou que “nos últimos anos, poucas administracións puxeron en marcha un proxecto tan rendible non só para a cidade, senón para a provincia de Lugo coma este. Estas expropiacións son o comezo dun investimento no desenvolvemento socieconómico da provincia”. Pola súa banda, Senen Barro subliñou que o comezo das expropiacións forman parte dun conxunto de iniciativas que conforman un “ambicioso proxecto que permitirá a Lugo seguir desenvolvéndose dun xeito importante nos próximos anos, e que acentuará o seu papel como un dos principais Campus do Estado no seu ámbito de especialización”.
A Deputación tramitará pola vía de urxencia esta iniciativa e, unha vez que se aprobe, notificaráselle coa máxima axilidade aos 26 veciños afectados para abrir o prazo legal establecido para presentar alegacións. Logo desta primeira fase de expropiación, o organismo provincial actuará noutras dúas zonas previstas: a comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pablo Iglesias, de 13.633 metros cadrados que se adicarán ó sector servizos; e a rúa das Pedreiras e a nova rotonda, de 11.772 metros cadrados, onde se construirá un polideportivo. En total, a Deputación achegará 4,6 millóns para expropiar 37.000 metros cadrados.
Outras actuacións
Outra das iniciativas que enriquecerá ao proxecto Campus 2015, e no que tamén colaboran as dúas institucións, é a Estación Científica do Courel (ECC). Ademais, o organismo provincial cedeulle á USC a finca da Casa da Granxa e concedeulle unha subvención de 205.057 para reformar o edificio e convertelo na nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). Deste xeito, xunto coas expropiacións e as actuacións citadas, a Deputación inviste máis 7 millóns de euros no proxecto Campus 2015.
Con este plan, a USC dá continuidade ás intervencións desenvolvidas no Campus lugués dende o ano 2002, valoradas en máis de 21 millóns de euros e en máis de 10 para equipamento científicos. Entre elas, atópase a sede do IBADER, o edificio CACTUS, as novas instalacións da Facultade de Ciencias, a Estación de Bioloxía do Courel ou o Edificio Museo e Casa do Coñecemento (E=mc2), anexo á Vicerreitoría.
Insignia de Ouro
Senen Barro concedeulle ao presidente da Deputación a Insignia de Ouro da Universidade, a maior condecoración personal da institución, en recoñecemento “á estreita colaboración institucional mantida dende hai moitos anos e que favoreceu en boa medida o desenvolvemento do Campus de Lugo”.
Ao acto, que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo Provincial, asistiron ademais do reitor da USC e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao; e os vicerreitores adxuntos de Oferta e Xestión Académicas, Begoña Barreiro; de Infraestructuras e Servizos, Marta Miranda; e de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell.
O reitor impúxolle a Insignia de Ouro ao presidente da Deputación de Lugo