A USC descubrirá unha placa conmemorativa do 80 aniversario do pasamento de Novoa Santos
O reitor Juan Casares descubrirá o vindeiro luns 9 unha placa conmemorativa do 80 aniversario do pasamento de Roberto Novoa Santos. Este acto desenvolverase a partir das 10.30 horas na entrada do edificio que leva o nome do que fora catedrático da USC a comezos do século XX, a carón da entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Logo do descubrimento desta placa conmemorativa, o profesor Enrique Jiménez falará sobre a figura de Roberto Novoa, a quen seguirán o decano da Facultade de Medicina da USC, Juan Gestal, e o alcalde do concello de Santiago, Ángel Currás.