Ir o contido principal

A USC deseña con Navantia unha nova draga para estudar os fondos rochosos do sistema mariño profundo galego

A USC deseña con Navantia unha nova draga para estudar os fondos rochosos do sistema mariño profundo galego
A USC deseña con Navantia unha nova draga para estudar os fondos rochosos do sistema mariño profundo galego

A USC traballa no deseño, desenvolvemento e construción dun prototipo de draga de culler de actuación vertical que permitirá tomar mostras fiables nos fondos rochosos do sistema mariño profundo de Galicia para poder realizar así estudos cuantitativos da fauna. Para abordar este proxecto a Estación de Bioloxía Mariña da Graña pediu a colaboración d estaleiro ferrolán Navantia, cunha contrastada experiencia en actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. A estación biolóxica da USC en Ferrol leva máis dunha década investigando no bentos batial e abisal do sistema profundo de Galicia, que ten unha batimetría que vai dende os 200 metros de profundidade ao inicio do cantil, ata os 5.400 metros na chaira abisal ibérica. En xeral, os fondos profundos son a zona máis inexplorada do planeta, incluso máis que a superficie da Lúa. Estes fondos teñen unha orografía semellante á terrestre con montañas, vales, chairas, canóns e cantís e con condicións moi extremas: ausencia total de luz, baixas temperaturas, elevadas presións, boa osixenación e un hidrodinamismo variado que conxuntamente coa natureza xeolóxica determinan unha moi ampla variedade de substratos. Debido á ausencia de luz non existe vexetación, e a fauna que neles vive se caracteriza pola miniaturización, cunha elevada diversidade e baixa biomasa. Dragas imprescindibles Co uso das dragas habituais na investigación científica accédese de dúas maneiras a este escuro e frío hábitat para recoller as mostras. Por unha banda, as dragas de actuación horizontal recollen mostras para realizar estudos cualitativos da fauna tanto en fondos sedimentarios, fangos e areas, como en substratos duros (corais, cunchas, pedras e rochas). Por outra, as de actuación vertical serven para estudos cuantitativos nos que se avalía a fauna nun volume determinado e coñecido de mostra. Para os diversos substratos dos fondos profundos existen varias dragas coas que se pode cuantificar a fauna pero só unha, a VAN-VEEN, susceptible de empregarse en zonas duras aínda que con moitas limitacións. Por iso os investigadores da USC necesitan deseñar unha nova draga, de tipo culler, que desenvolva gran forza de peche entre as mandíbulas para que poida rachar a meirande parte dos elementos duros que queden entre elas e evitar así a perda de mostra e de fauna. Prototipo xa deseñado Así foi como naceu e medrou a idea desta nova draga, que co nome ‘Artabria’ desenvolve unha forza de peche entre as mandíbulas de 230 Kg e da que xa está deseñado un prototipo que na actualidade está en fase de construción e que se agarda rematar a finais de novembro coa fin de realizar probas no mar no mes de decembro deste ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2010.