A USC desenvolverá entre 2012 e 2013 seis iniciativas de divulgación da ciencia e da cultura innovadora con achegas económicas da FECYT
A USC, na convocatoria deste ano 2012, recibirá achegas da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) por un importe próximo aos 94.000 euros para desenvolver seis actividades en distintos ámbitos como a oitava edición do Programa ConCiencia, dirixida á divulgación científica á cidadanía, que ao redor de figuras do máximo nivel internacional se desenvolve dende hai sete anos unha forte proxección pública da ciencia. Dentro das acción do fomento das vocacións científicas entre escolares e estudantes novos, está programado o ‘ Campionato de España de modelado 3D de precisión co teu móbil’, que busca simular e estimular a capacidade investigadora dos escolares mediante un campionato por equipos no que farán modelos 3D virtuais a escala usando instrumental moi familiar para eles como o teléfono móvil, un ordenador persoal e a web. Con esta iniciativa búscase o contacto directo co método e a práctica investigadora e a posta en valor da súa utilidade social e económica e o seu atractivo como profesión. Outra das iniciativas, ‘ A Ciencia dos Alimentos’, encadrada nas actividades do 20º aniversario da creación da Aula de Produtos Lácteos da USC, pretende mediante varias accións vinculadas entre si a través das TIC impulsar as vocacións científicas no ámbito alimentario, un sector no que a competitividade se basea na innovación e a transferencia de tecnoloxía desde o sector científico. Outra vía de aproximación á Ciencia é o traballo nas aulas escolares con especies animais, como o curioso peixe cebra, usado como organismo modelo de experimentación en áreas como a biomedicina, a acuicultura, a alimentación e o medio ambiente, que é a base da iniciativa denominada ‘ Unha cebra na auga’, coa que se pretende que os alumnos poñan en práctica o método científico, deseñando experimentos e analizando os seus resultados. O apoio da FECYT tamén será extensible ao programa Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en estudantes galegos entre os 12 e os 16 anos, que ven desenvolvendo as súas actividades en Galicia desde o curso 2007. Neste mesmo campo, organizado polo recentemente creado Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), se desenvolverá o proxecto ‘ As matemáticas como elemento “innovador da innovación” na industria española’, co que se pretende sensibilizar ás empresas, en especial ás PEME, sobre a implantación dunha cultura innovadora nas organizacións a través de técnicas matemáticas.