A USC despide os 25 novos titulados da segunda promoción de graduados sénior do IV Ciclo

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidiu este sábado no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC, o acto de fin de curso da segunda promoción de graduados e graduadas sénior do IV Ciclo Universitario da USC, unha cerimonia da que actuou como madriña a conservadora e museóloga do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, ademais de profesora deste programa de formación de maiores de 50 anos da USC, Carolina Casal Chico.
A directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a subdirectora Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Xunta de Galicia, Mª Carmen Orgeira Naya; o deputado provincial Álvaro Santos, e o representante do alumnado, Germán Hermida Noval, tomaron a palabra no transcurso deste acto, no que a madriña escollida polos 25 novos titulados sénior (15 de Santiago de Compostela e 10 de Lugo), ofreceu un breve relato.
Unha vez rematada a quenda de intervencións e trala correspondente imposición de insignias e a entrega de diplomas aos graduados sénior, o acto académico de fin de curso da segunda promoción de graduados/as do IV Ciclo da USC rematou coa interpretación do ‘Gaudeamos Igitur’. A comunidade universitaria do IV Ciclo da USC que tomou parte neste acto compartiu logo un almorzo de confraternidade.
Autoridades e alumnado, no acto de fin de curso da segunda promoción de graduados do IV Ciclo da USC