A USC, un ecosistema emprendedor

A USC constitúe un ecosistema emprendedor e cada vez son máis as iniciativas empresariais saídas ou xurdidas nas aulas universitarias, tal e como se puxo de manifesto este xoves na Facultade de Ade no marco da xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’, unha sesión informativa e de divulgación que busca espertar as inquedanzas e o espírito emprendedor do estudantado, segundo dixo a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro.
Ramón Mazoy, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC no campus de Lugo abriu a quenda de intervencións cunha exposición na que presentou a institución académica compostelá como un ecosistema de emprendemento. Así, logo de lembrar que a USC foi das primeiras universidades españolas en apostar e fomentar de forma decidida o emprendemento entre estudantes e docentes e tamén no que atinxe á creación de viveiros de empresas, Mazoy salientou que o emprendemento da USC mantén unha tendencia sostible cando non crecente logo dunha traxectoria neste eido de preto de tres décadas. Así, logo de explicar os cometidos que desenvolve e os servizos que se prestan desde a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, Ramón Mazoy referiuse ao último informe da AVTE relativo a 2014 como termómetro acaído para medir o grao de emprendemento rexistrado na USC. Daquela, Mazoy lembrou na súa exposición que durante o pasado exercicio naceron ao abrigo da USC cinco spin-offs. Neste mesmo periodo, a USC tamén formalizou 45 solicitudes de patentes e tramitou 37 procesos e acordos para a transferencia de tecnoloxía. Ademais da visión do emprendemento universitario no eido da USC achegada por Ramón Mazoy, os estudantes que participaron na xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’, tamén tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias doutros emprendedores universitarios que crearon empresas logo do seu paso polas aulas, sí como do responsable do viveiro de empresas da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, quen disertou sobre o funcionamento, dos servizos e da actividade cotiá que se desenvolve nas súas instalacións. Os testemuños de José Sánchez del Valle, xerente e socio fundador de Champion Chip Norte, e de Marta Pérez, co fundadora de Bico de Grao, unha nova empresa que vén de abrir na capital luguesa, completaron a relación de relatores que tomaron parte neste foro sobre emprendemento universitario celebrado na Facultade de ADE. Esta xornada sobre iniciativas empresariais saídas das aulas é a terceira das programadas este curso na Facultade de Ade no marco do ciclo sobre emprendemento. Neste programa monográfico xa interviñeron como relatores nas últimas semanas o director de Recursos Humanos da cadea hoteleira Hotusa, quen falou sobre a importancia das actitudes creativas e emprendedoras do alumnado para adaptarse á contorna empresarial, e o director xerente de Secretos de Galicia, quen explicou algunhas das novas iniciativas de comercialización de produtos gourmet. Ramón Mazoy, na súa intervención na xornada sobre iniciativas empresariais saídas das aulas