A USC edita o libro Jóvenes que construyen futuro

A USC acaba de editar a obra Jóvenes que construyen futuro. De la exclusión a la inclusión social , en cuxa elaboración participan tamén as universidades de Girona, Illes Baleares e a UNED e que xurde a raíz do desenvolvemento do proxecto de investigación que coordina a USC ‘Análise, avaliación e mellora dos procesos de intervención para a emancipación de mozos en dificultade e/ou risco’. O volume acaba de presentarse no Instituto da Xuventude en Madrid.
O proxecto, e por extensión a propia obra, analiza os programas de emancipación de catro entidades non lucrativas como son Opción 3, Servei Solidari, Fundación Nazaret e Igaxes 3 que traballan para a inclusión de mocidade en situación de risco en Galicia, Illes Baleares, Cataluña e Madrid. A investigación estudou as iniciativas e programas das entidades participantes e analizou o expediente de mozos/as ex tutelados, ademais de elaborar as historias de vida que serviron de base para a toma de decisións e a adopción de accións de mellora, en relación ás que se propoñen distintos protocolos de avaliación dos procesos de emancipación e instrumentos para a intervención socioeducativa. Esta liña de investigación conta co financiamento do programa Cidadanía Activa do Espazo Económico Europeo co apoio da Plataforma de ONG de Acción social e o goberno de España.
Como explican os coordinadores do volume, entre os que se atopa o profesor José Antonio Caride, asumindo os principios pedagóxicos, éticos e sociais que poñen en valor a voz e o protagonismo da mocidade na sociedade a obra constitúe unha resposta colectiva a necesidades emerxentes e urxente de centos de miles de adolescentes e mozos/as que reivindican as oportunidades e dereitos que se proclaman en nome da igualdade, a liberdades, a xustiza, a participación, a emancipación e a inclusión social.