Ir o contido principal

USC Editora renova a súa certificación ISO 9001 de sistemas de xestión da calidade

Últimas obras publicadas por USC Editora
Últimas obras publicadas por USC Editora
Pertencente ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais
Lugo, Santiago de Compostela

O selo USC Editora, pertencente ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, acaba de renovar, tras a correspondente auditoría por parte de AENOR, a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. O informe final da auditoría, que non detectou ningunha desviación, salienta como puntos fortes do sistema o “uso da ferramenta dixital Open Monograph Press (OMP) asociada ao proceso de solicitude, revisión, edición e produción que permite trazar todo o fluxo do proceso editorial dende a postulación do orixinal ata a publicación do libro en soporte físico e dixital”.

O informe destaca igualmente os excelentes resultados das enquisas de satisfacción entre autores/as e distribuidores/as, a actualización de versión da ferramenta OMP  e, sobre todo, unha clara orientación cara á mellora continua por parte do equipo implicado. “É preciso sinalar que a auditoría foi de renovación, non de seguimento, o cal implica un maior nivel de esixencia, rigor e comprobación minuciosa do cumprimento de todos os requisitos da norma”, explica Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións.

USC Editora, que conta coa certificación ISO 9001 dende 2014, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos  de Español como Lengua Extranjera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 20 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e “constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial”, conclúen dende o Servizo de Publicacións da institución compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.