A USC e a empresa de transportes ALSA desenvolverán proxectos comúns en investigación, docencia, transferencia de coñecemento e fomento do transporte público

A Universidade de Santiago de Compostela e a empresa ALSA colaborarán no desenvolvemento de proxectos comúns no campo da investigación, a docencia, a transferencia de coñecemento, a cultura e o fomento do transporte publico. Este é o obxecto co convenio básico de colaboración que este xoves 13 en San Xerome asinaron o reitor Juan Casares e o xerente de Alsa en Galicia, Javier González. Á sinatura asistiu ademais o delegado comercial da empresa na comunidade galega, Ramón Piña. O documento subscrito deberá agora concretarse en convenios específicos que atenderán á colaboración en actividades docentes universitarias, como prácticas externas, de campo ou proxectos fin de carreira; ao intercambio de experiencias en materia empresarial; ao desenvolvemento de proxectos de investigación en eidos relativos á mobilidade, a sustentabilidade, a seguridade, a intermodalidade ou a loxística; así como á elaboración de publicacións conxuntas que respondan a intereses comúns a ambas organizacións asinantes. Outros eidos de cooperación serán a busca de alianzas, patrocinios e mecenados para abordar accións conxuntas; o establecemento de liñas preferentes de atención entrambas organizacións e os seus colectivos; e o intercambio e difusión de información de interese sobre transporte público e mobilidade. Ademais, ofreceranse á comunidade universitaria vantaxes nos servizos de liña regular de ALSA e profundarase no estudo da mobilidade do alumnado da USC de cara a ofrecer solucións para un mellor servizo de transporte universitario. O documento asinado tamén contempla a prestación de servizos discrecionais por parte de ALSA á USC e os seus ámbitos de influencia. Este Convenio Básico de colaboración terá unha vixencia de tres anos. De esquerda a dereita, Juan Casares, Javier González e Ramón Piña

