A USC nos Encontros sobre Calidade na Educación Superior que se desenvolven en Murcia
A Universidade de Santiago participa estes días na Universidade de Murcia nos Encontros sobre Calidade na Educación Superior ‘Sistemas de Información das ensinanzas no marco da garantía de calidade. O ciclo da información: necesidade, obtención, utilización, rendición de contas’.
Os Sistemas de Información teñen unha importancia fundamental tanto para a dirección estratéxica da Universidade como para o correcto desenvolvemento dos diferentes programas, principalmente os recentemente incorporados sobre Sistemas de Garantía Interna da Calidade nos Centros e a Avaliación da Actividade Docente do Profesorado.
As xornadas pretenden que as Universidades se comprometan no cumprimento de garantir que seleccionan, recompilan, analizan e empregan información pertinente para a xestión dos seus programas de estudo, os resultados de aprendizaxe esperados, os títulos que conceden e os procedementos de ensinanza.
Concretamente, representando á USC asiste o adxunto á Vicerreitoría de Calidade e Planificación, Pedro Faraldo Roca, que participará este venres nunha mesa redonda sobre a utilización de enquisas como fonte de información.