A USC, a Escola de Negocios Novacaixagalicia e as cooperativas farmacéuticas Cofaga e Cofano impartirán un curso en Xestión Empresarial de Oficinas de Farmacia

A USC, a Escola de Negocios Novacaixagalicia, Cooperativa Farmacéutica Galega (Cofaga) e Cooperativa Farmacéutica do Noroeste (Cofano), xuntarán esforzos para o desenvolvemento dun curso de formación continua en xestión empresarial de oficinas de farmacia. A colaboración quedou formalizada nun convenio que asinaron este luns 4 de novembro o reitor Juan Casares; o director da Escola de Negocios, Eduardo García; e os presidentes dos consellos reitores de Cofano, Manuel Muradas, e Cofaga, Miguel Ángel Reviejo. No acto protocolario tamén estiveron presentes o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira, e a decana da Facultade de Farmacia da USC, Isabel Sández. O curso celebrarase este curso 2013-2014, a partir do próximo día 7, cunha carga lectiva de 40 créditos e dirixido a profesionais das oficinas de farmacia e a titulados/as recentes. O programa docente desenvolverase en modalidade continua presencial e contemplarase a posibilidade de realizar prácticas non remuneradas para a confección da memoria final do curso. A USC asumirá a xestión académica do curso conforme á lexislación vixente, ademais da validación do proceso de matrícula, a participación na docencia do curso, o cobro do seguro escolar no momento da matrícula, a elaboración e custodia das actas así como a expedición, rexistro, custodia e entrega dos diplomas acreditativos. O convenio estenderase agora ata seis meses despois do fin do curso. O obxectivo desta acción formativa é proporcionar coñecementos, desenvolver actitudes e potenciar habilidades orientadas á mellora da eficacia como xestores de oficinas de farmacia e ao conseguinte incremento na competitividade das súas organizacións. O desenvolvemento do curso é un complemento á formación regrada recibida polos/as profesionais da farmacia para adecuala ás súas futuras ou actuais necesidades profesionais. O programa docente busca proporcionar unha visión xerencial da oficina de farmacia, que considere a interdependencia das diferentes áreas que forman o negocio e que considere as interrelacións existentes entre elas para o logro dos obxectivos xerais, ademais de que capacitará ao/á farmacéutico/a para ser capaz de entender as implicacións das súas decisións de xestión na viabilidade a medio e longo prazo do seu negocio.