Ir o contido principal

A USC esperta vocacións científicas en escolares de toda España

A USC esperta vocacións científicas en escolares de toda España
A USC esperta vocacións científicas en escolares de toda España

Máis dun cento de estudantes de ESO e Bacharelato de toda España compartirán este mes as súas inquedanzas científicas na Universidade de Santiago. Farano nos campus científicos de verán que deron comezo este luns, unha iniciativa dos Ministerios de Educación, Cultura e Deporte e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía que conta co patrocinio da Obra Social ‘la Caixa’. A inauguración das xornadas, que na USC coordina o profesor e responsable do programa A Ponte Luis Hervella, tivo lugar na Residencia Colexio Maior Fonseca (Campus Vida) presidida polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet. Acudiron os estudantes de 1º de bacharelato que estarán na USC durante a primeira quincena. O resto, de 4º de ESO, virán na segunda. Os que se acheguen a Santiago teñen a posibilidade de participar en catro proxectos científicos: ‘Sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijoo; ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’, de Ricardo Vázquez López; ‘A maxia dos hidroxeles’, de Francisco Javier Otero Espinar; e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ de Mª. Victoria Otero Espinar. Campus Científicos Esta é a cuarta edición do programa, que conta coa colaboración de 16 universidades con Campus de Excelencia Internacional certificados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na que terán lugar as estadías. Neste campus foméntase a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, necesarios para incrementar a competitividade da industria española e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Á vez favorécese a transferencia do coñecemento en talento innovador e emprendedor, especialmente entre o máis novos, e facilítase que esperten vocacións científicas e se avive o seu interese tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2013.