Ir o contido principal

A USC estrea o vindeiro curso oito titulacións dobres

A USC estrea o vindeiro curso oito titulacións dobres
A USC estrea o vindeiro curso oito titulacións dobres
A institución académica oferta ademais 48 graos, tres títulos propios, 63 másteres e 54 programas de doutoramento

En 2015-2016 a USC estrea oito dobres graos na súa oferta académica. Trátase de Bioloxía-Química, Comunicación Audiovisual-Xornalismo, Dereito-Relacións Laboais e Recursos Humanos, Enxeñaría Informática-Matemáticas, Física-Matemáticas e Física-Química, en Compostela, e Enxeñaría Agrícola-Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil-Enxeñaría Xeomática e Topografía en Lugo. A estes novos títulos hai que sumar 48 graos (33 en Santiago e 15 en Lugo), tres títulos propios (Criminoloxía, Xestión Hoteleira e Especialización Orquestral), 63 másteres e 54 programas de doutoramento. O período de matricula, que deberá realizarse por internet (www.usc.es/matricula), comezará coa preinscrición, ben en modalidade anticipada ou ordinaria, en ambos casos con data límite o 3 de xullo (a ordinaria comeza o próximo luns 22). A preinscrición para titulados e tituladas do presente curso estenderase do 13 ao 30 de xullo. Logo da publicación o 13 de xullo das listaxes de admitidos/as e de agarda ábrese o primeiro prazo de matrícula do 15 ao 17 de xullo. O reitor presentou estes datos nun encontro cos medios de comunicación no que o acompañaron o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a xefa do Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, Josefa Recalde. Outros prazos O día 7 de xullo comeza o prazo para continuar estudos de grao (ata o 3 de setembro), solicitar admisión en cursos ponte (ata o 31 de xullo) e para cursar un máster. Ademais, do 20 de agosto ao 9 de setembro será o prazo de solicitude de admisión nalgún programa de doutoramento. Calendario As clases do primeiro semestre comezarán o 7 de setembro e rematarán o 22 de decembro de 2015; mentres que o segundo irá do 25 de xaneiro ao 13 de maio de 2016. Os exames desenvolveranse do 8 ao 23 de xaneiro e do 16 ao 31 de maio, cunha segunda oportunidade do 23 de xuño ao 11 de xullo. Mobilidade No curso que agora acaba cursaron estudos na USC 27.534 estudantes (23.093 en Santiago e 4.441 en Lugo), sendo maioritaria a presenza de mulleres (61,93%). O alumnado estranxeiro na USC procede de máis de 80 países arredor de todo o mundo, maioritariamente de Europa, pero tamén con presenza dos cinco continentes. Portugal é o país que máis estudantes achega, máis de 500, seguido de México (arredor de 300), Italia, Brasil e China. Mellores expedientes

Das 433 mellores cualificacións das PAU en Galicia o pasado curso, o 50% matriculouse na USC, concretamente en 28 titulacións diferentes dos campus de Compostela e Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2015.