A USC estudará a atención educativa ao alumnado emigrante
Promover un debate estable sobre investigación e innovación na atención educativa á inmigración en Galicia é o principal cometido dun encontro que a comezos de novembro se desenvolverá na Facultade de Psicoloxía da USC.
Entre os días 8 e 10 de novembro, e baixo a dirección do profesor Miguel Santos Rego, os expertos reunidos neste primeiro seminario presentarán os resultados de importantes proxectos de colaboración á vez que favorecerán novos enfoques de formación do profesorado neste eido.
O seminario estrutúrase en torno a catro relatorios sobre a participación das familias inmigrantes nos centros escolares, a acción orientadora e atención educativa, as estratexias de innovación e a mellora da competencia lingüística dos inmigrantes. A estas intervencións hai que sumarlle unha mesa redonda sobre a situación galega e diversos obradoiros.
Ao longo dos tres días do seminario participarán responsables de distintas instancias educativas e sociais do Goberno galego, traballadores sociais, profesores universitarios e de secundaria.