Ir o contido principal

A USC, exemplo de boas prácticas para o Parlamento Europeo no modelo de relacións entre a universidade e a empresa

A delegación visitou o Edificio Emprendia a finais do mes de abril
A delegación visitou o Edificio Emprendia a finais do mes de abril

A USC é un exemplo de boas prácticas na tocante á relación entre universidade e empresa. Así se puxo de manifesto no Parlamento Europeo no transcurso dos debates previos á votación da Resolución de 20 de maio de 2010 “Unha nova asociación para a modernización das universidades europeas”.

O comentario formaba parte das intervencións dos eurodiputados Seán Kelly (Irlanda) e Cătălin Sorin Ivan (Romanía), ambos os dous integrantes dunha comitiva de europarlamentarios que realizou unha visita institucional á USC.

O deputado irlandés Seán Kelly destacou na súa intervención o carácter positivo da adaptación do profesorado aos cambios do seu contorno. Para Kelly resultaba moi alentador constatar estes cambios, poñendo como exemplo as experiencias percibidas no Institute of Tralee, na Universidade de Cork e, destacándoo especialmente, na Universidade de Santiago de Compostela, onde, na súa opinión, se desenvolveu un interesante modelo de participación coa comunidade empresarial. En consecuencia, propón que dende a Unión Europea se alenten este tipo de actuacións creando as oportunidades e establecendo sistemas de coordinación daquela investigación que poida, eventualmente, converterse en economía do coñecemento e traducirse en creación de postos de traballo cualificados.

Pola súa banda, o romanés Cătălin Sorin Ivan expuxo a súa preocupación por un problema existente na actualidade en todo o sistema de educación superior europeo como é a produción de licenciados non adaptada ás exixencias do mercado de traballo. Na súa opinión existe unha brecha entre o que se estuda nas aulas e o que as empresas demandan, problema que se agudiza coa actual crise económica. Fronte iso Sorin avoga por apoiar a economía do coñecemento e a innovación. Para rematar a súa intervención, destacou a súa visita á USC como mostra da existencia dun claro compromiso coa creación e o financiamento de start-ups creadas por estudantes, sendo este un modelo que a Unión Europea debe promover e multiplicar.

Visita

Os parlamentarios visitaron a USC a finais do mes de abril dentro dunha delegación da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo co obxecto de analizar distintas perspectivas culturais e de educación xerais así como para establecer contactos con representantes locais nestes ámbitos. Dentro do programa da súa visita, desenvolvéronse varios encontros co equipo de goberno da Universidade así como unha visita polo edificio Emprendia. Neste último, o xerente de Uninova, Gustavo Marcos, deu conta dos programas que a institución académica compostelá desenvolve en materia de emprendemento e xeración de valor engadido e transferencia de coñecemento a partir da investigación universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2010.