A USC facilita intercambios coa Pontificia Universidade Católica de Chile

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, recibiu esta mañá no seu despacho de San Xerome o seu homólogo da Pontificia Universidade Católica de Chile, Ignacio Sánchez Díaz, para tratar asuntos de interese para ambas as dúas institucións, que se materializaron na sinatura de diversos convenios de colaboración.
Deste xeito, as dúas universidades acordaron establecer un intercambio entre persoal docente e investigador e entre estudantes. No primeiro caso serán un máximo de catro persoas, que poderán permanecer na outra universidade entre unha semana e seis meses. No segundo caso, trátase do habitual convenio bilateral de formación de alumnado.
Este intercambio de persoal enmárcase nun convenio máis amplo para promover o desenvolvemento e difusión da cultura e, en especial, da ensinanza superior de grao e posgrao e a investigación científica e tecnolóxica.