Ir o contido principal

A USC facilita a recollida de aceite usado coa instalación de dous novos colectores nos campus de Lugo e Santiago

Colector de aceite instalado nas inmediacións da Escola Politécnica Superior
Colector de aceite instalado nas inmediacións da Escola Politécnica Superior

A USC pon a disposición da comunidade universitaria dous novos colectores para a recollida do aceite vexetal usado, que estarán emprazados na Avenida do Campus, que discorre a carón da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, e nas inmediacións da residencia universitaria Burgo das Nacións, no Campus Norte de Santiago. A estes dous novos colectores cómpre sumar o xa existente no Campus Vida de Compostela. Con esta iniciativa, promovida pola Oficina de Desenvolvemento Sostible, a USC ofrece á comunidade universitaria un sistema ambiental correcto para a recollida deste residuo. Asemade, estas novas dotacións complementan o sistema de recollida de aceites que xa se vén desenvolvendo en comedores e residencias universitarias, favorecendo a súa reciclaxe e valorización.

O aceite deberá depositarse en botella de plástico pechada. Para favorecer esta operación, farase entrega dun funil-filtro especial para este tipo de recollida a aquelas persoas que se acheguen a depositar o seu aceite usado o martes 8 e mércores 9, de 11.00 a 13.00 horas no campus de Lugo, e o mércores 9 de 13.00 a 14.00 horas, no Campus Norte de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2014.