A USC e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia reforzan a súa colaboración en múltiples campos
A Universidade de Santiago de Compostela e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) acordaron este luns, 2 de abril, un amplo marco de actuación en actividades culturais, científicas, pedagóxicas e de investigación, entre outras. A colaboración diríxese á execución de proxectos conxuntos de investigación e desenvolvemento, á cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, ao asesoramento mutuo e á organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico. A USC comprométese a sensibilizar e formar ao seu estudantado como posibles profesionais de atención á comunidade xorda e a eliminar barreiras de comunicación no acceso á Universidade. Ademais as dúas entidades, que poderán intercambiar persoal por tempo limitado, traballarán na promoción do recoñecemento dos cursos de comunicación en Lingua de Signos Española (LSE) organizados pola FAXPG nos planos de estudos de primeiro e segundo ciclo e grao, segundo a normativa académica aplicable en cada caso. O marco de colaboración definiuse nun convenio asinado este luns en San Xerome polo reitor da USC, Juan Casares Long, e o presidente da Federación, Feliciano Jesús Sola Limia, no que tamén se abre a porta a prácticas de estudantes universitarios en centros de traballo da federación. O acordo non comporta obrigas económicas para ningunha das partes. Os dous asinantes insistiron na necesidade de que a sociedade, e a comunidade universitaria en concreto, coñeza as necesidades, as formas de vida e incluso as barreiras coas que se atopa o colectivo de persoas xordas en aras dunha perfecta integración. Para iso, apuntou Sola Limia, sería desexable fomentar “unha metodoloxía de ensino-aprendizaxe bilingüe fomentando a lecto-escritura”. O convenio como o asinado este luns vai nese camiño, “paso obrigado dunha Universidade pública como a nosa”, apuntou Casares, que dende hai tempo conta con servizos de apoio ao estudantado con dificultades auditivas que o demanden.