Ir o contido principal

USC e FEUGA fomentarán o desenvolvemento das competencias transversais do alumnado

O convenio foi asinado polo reitor Antonio López e polo director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez. FOTO: Santi Alvite
O convenio foi asinado polo reitor Antonio López e polo director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez. FOTO: Santi Alvite
O convenio de colaboración asinado este venres permitirá a organización de cursos de formación nos que se abordarán cuestións como a marca persoal a través das redes sociais, transformación dixital da empresa ou as relacións co cliente
Lugo, Santiago de Compostela

Facilitar o progreso do itinerario profesional das persoas tituladas e do alumnado, actuando como unha plataforma ata o mercado laboral, é unha das metas sobre as que se asenta o convenio que USC e Feuga asinaron este venres. Este marco de colaboración que se revela como un importante complemento formativo, permitirá organizar un curso de especialización e outro de formación continua, baixo a dirección do profesor da institución compostelá, Vicente Angel López López. Os cursos estarán dotados con docencia en liña e prácticas en empresas, no marco da oferta de estudos propios da USC.

A USC, a petición de FEUGA, organizará e desenvolverá, dende a súa aprobación, unha edición por mes de cada un dos cursos, cun total de doce edicións. O ‘Curso de especialización + programa. Competencias Transversais’ estará dotado de 50 ECTS, mentres que o ‘Curso de experto + Programa. Competencias Transversais’ constará de 30 ECTS.

 Nas dúas accións formativas abordaranse cuestións como desenvolvemento persoal, marca persoal a través das redes sociais, empresa, emprendemento, comunicación, traballo en equipo e produtividade, a transformación dixital da empresa ou as relacións co cliente. O convenio foi asinado polo reitor Antonio López e polo director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez.

De esquerda a dereita, a directora do Centro de Estudos Propios da USC, Ana Díaz Martínez; o reitor Antonio López; o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez; e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. FOTO: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2022.