A USC foi a universidade de maior participación en Galicia nas campañas impulsadas por ADOS o pasado curso

A USC, cun total de 1.450 doazóns de sangue, foi a de maior participación das tres universidades públicas galegas na campaña desenvolvida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) o pasado curso. O reitor da USC, Antonio López, e a directora de ADOS, Marisa López García, subliñaron este mércores 30 “o carácter solidario dos estudantes” xa que 4.057 foron as doazóns realizadas por parte do alumnado universitario galego no ano académico 2021-2022. O reitor tamén quixo sumarse á campaña e acudiu a doar á unidade móbil de ADOS situada na Facultade de Medicina e Odontoloxía.
Pola súa parte, ADOS quere amosar o seu agradecemento aos responsables académicos, profesorado, alumnado e persoal que traballa nas tres universidades galegas, polo seu esforzo e implicación coas campañas de doazón de sangue impulsadas nos sete campus de Galicia, e na que nestes momentos se desenvolve o final da primeira fase do curso 2022-2023.
Traxectoria de colaboración
ADOS e a USC teñen unha longa traxectoria de colaboración no ámbito da doazón, que ambas institucións queren potenciar e poñer en valor. Por este motivo, promoven campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que conforman a USC con periodicidade anual, estruturadas en dúas fases: a primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda de febreiro a abril.
ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de datos de doantes de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade. Desta maneira, USC e ADOS establecen, de forma conxunta, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea dende a comunidade universitaria.
