Ir o contido principal

A USC formará os centros de educación primaria na atención ao alumnado con discapacidade visual

Curso 'O alumnado con discapacidade na escola ordinaria’
Curso 'O alumnado con discapacidade na escola ordinaria’
O prazo de inscrición nesta actividade gratuíta está aberto ata o 10 de xaneiro e as prazas iranse ocupando por rigorosa orde de inscrición

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Facultade de Psicoloxía da USC inicia este venres unha campaña para a captación de profesorado de ensino primario interesado en recibir formación cara á atención ao alumnado con discapacidade visual.

O seu obxectivo é que as mestras e mestres da comunidade galega dispoñan de estratexias e ferramentas para favorecer a integración e intervención do estudantado con distintos graos de limitación da función visual, de modo que poidan potenciar a súa aprendizaxe a través de pautas de comunicación, recursos e tecnoloxías educativas.

Baixo o título ‘O alumnado con discapacidade na escola ordinaria’, este curso de 20 horas de formación (14 delas presenciais) desenvolverase entre o 13 de xaneiro e o 9 de febreiro de 2022 na Facultade de Psicoloxía.

A matrícula é de balde e as prazas iranse ocupando por rigorosa orde de inscrición. Por iso, as persoas interesadas en participar no curso deberán enviar un correo electrónico a proxecto.arasac [at] usc.es (proxecto[dot]arasac[at]usc[dot]es) ata o 10 de xaneiro.

A actividade conta co recoñecemento provisional como actividade de formación permanente do profesorado, no marco do acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2021.