Ir o contido principal

A USC formará parte da nova directiva da Unión de Editoriais Universitarias para o período 2021-2023

Juan Blanco, primeiro pola esquerda, é o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC
Juan Blanco, primeiro pola esquerda, é o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC
O director do Servizo de Publicacións da USC forma parte da nova directiva onde asumirá as tarefas relativas á difusión e promoción do libro universitario
Santiago de Compostela

O director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, formará parte da nova directiva da Unión de Editoriais Universitaria Españolas (UNE) para o período 2021-2023, que encabezará a directora editorial da Universidade de Granada, Mª Isabel Cabrera.

A nova directiva traballará en novas liñas estratéxicas co obxectivo de posicionar e defender o libro e o editor universitario no contexto da difusión da ciencia aberta, lema do seu programa. Entres estas liñas de traballo figuran a calidade e representación institucional, acceso aberto e relación con bibliotecas, formación e innovación, comercialización e internacionalización, páxina web e comunicación corporativa, difusión e promoción da edición universitaria,  revistas científicas e relacións coa edición privada e propiedade intelectual.

O representante da USC asume as tarefas relativas á difusión e promoción do libro universitario, concretada na área de Premios e a dirección do boletín dixital Unelibros. Tras 39 volumes en papel, este colectivo realizou un grande esforzo de adaptación, coa “creación das diferentes seccións e un carácter dinámico, corporativo, moderno e aberto, incorporando diversidade de contidos textuais e audiovisuais”, explica Juan Blanco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2021.