A USC e o Foro Económico de Galicia renderon homenaxe ao profesor Fernando González Laxe
Compañeiras e compañeiros da Universidade galega, da sociedade civil e do eido da política acompañaron a Fernando González Laxe na homenaxe que a Universidade de Santiago e o Foro Económico de Galicia lle renderon este mércores no Colexio de Fonseca. “Foi nesta universidade onde me licenciei en Ciencias Económicas e neste edificio onde prometín o cargo de presidente da Xunta”, lembraba Laxe, que agradecía “dende a humildade” o emotivo acto que tivo lugar “na súa alma mater, a USC, en recoñecemento aos seus 48 anos de dedicación profesional”, como explicaba a profesora María Cadaval, condutora da cerimonia.
A homenaxe ao economista, catedrático emérito da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta de Galicia presidiuna o reitor Antonio López, quen louvou a figura do homenaxeado nas súas múltiples facetas, para dar paso a continuación ao presidente e ao director do Foro, Emilio Pérez Nieto e Santiago Lago Peñas, respectivamente.
A extensa traxectoria de Laxe ocupou o discurso da catedrática María X. Rodríguez Galdo, quen foi compañeira súa na USC ao igual que Emilio Pérez Touriño, que dedicou tamén unhas palabras a quen coma el comparte profesión universitaria e ocupou a máis alta responsabilidade no Goberno galego aínda que en diferentes etapas.
O acto completouse coa conferencia 'Un cuarto de século do BCE: Inflación e independencia', dous temas entre outros moitos, a cargo de José Manuel González-Páramo, ex cargo no Banco central Europeo, e o discurso final do propio González Laxe, que fixo fincapé na defensa dos valores democráticos, na educación como base da sociedade “que hai que defender e apoiar orzamentariamente” e no desenvolvemento sustentable como concepto que debe asegurar o futuro.