Ir o contido principal

A USC e Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes subscribirán un convenio para a creación dun portal institucional da 'Cátedra Valle-Inclán'

O reitor da USC, Senén Barro, e o director xeral da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Manuel Bravo Lifante, asinarán este venres 24 un convenio para a creación e aloxamento do portal institucional da ‘Cátedra Valle-Inclán’. A sinatura celebrarase a partir das 11:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. No acto estará presente ademais, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto.
O portal recollerá os repertorios, textos literarios, imaxes e outros materiais significativos que actualmente custodia a Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago, así como todo aquel material bibliográfico e documental do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC.
O obxectivo deste acordo épotenciar a difusión das actividades e o labor investigador, especialmente o patrimonio literario e bibliográfico, mediante o aproveitamento dos fondos da Cátedra valleinclaniana para facilitar un acceso máis eficiente aos recursos bibliográficos desta entidade entre a comunidade hispanofalante a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2008.