Ir o contido principal

A USC e a Fundación CEL asinan un convenio de colaboración para promover a cultura emprendedora en Lugo

Saúdo entre Juan Casares e Luís García Santalla tras a sinatura do convenio de colaboración entre a USC e a Fundación CEL para a promoción da cultura emprendedora en Lugo
Saúdo entre Juan Casares e Luís García Santalla tras a sinatura do convenio de colaboración entre a USC e a Fundación CEL para a promoción da cultura emprendedora en Lugo
A través deste acordo, os proxectos dos membros da comunidade universitaria terán acceso preferente ao viveiro de empresas da fundación

O reitor da USC, Juan Casares, e o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades de cara á promoción do emprendemento en Lugo, principalmente a partir das iniciativas que xurdan da institución académica. Deste xeito, entre os acordos incluídos no convenio figura o acceso preferente ao viveiro de empresas da Fundación CEL dos proxectos presentados por membros da comunidade universitaria. O traballo conxunto que viñan realizando as dúas entidades desde o ano 2005 queda deste xeito formalizado para os vindeiros anos. Neste labor en común, a USC será a responsable de detectar dentro da súa comunidade aqueles emprendedores que poidan ser susceptibles de incorporarse aos programas de impulso de proxectos empresariais, así como da súa tutela e asesoramento a través dos departamentos que cumpren esta función dentro da institución académica. Pola súa parte, a Fundación CEL poñerá toda a súa infraestrutura ao servizo dos emprendedores, que disporán así de aloxamento e asesoramento técnico para as primeiras fases de desenvolvemento da súa idea empresarial. Casares, durante o acto de sinatura, destacou a importancia deste tipo de convenios, “pois demostran que a universidade asumiu verdadeiramente o seu compromiso coa transferencia de cultura de cara á sociedade, e non só iso, senón que levou este compromiso máis alá, pechando o ciclo que permite que unha idea ou un proxecto útil para a sociedade e que poida xerar riqueza colectiva teña o apoio e o asesoramento que precisa”. O reitor subliñou tamén o carácter pioneiro da USC na creación de infraestruturas e estruturas de apoio ao emprendedor. Luís García Santalla incidiu no cambio que supón “dotar de forma e contido a colaboración mutua que xa existía de facto desde hai anos” e lembrou que as dúas institucións “comparten o obxectivo común de converter en realidade os proxectos dos universitarios, como xa se demostrou a través das iniciativas xurdidas no seo da USC e que se foron consolidando no noso viveiro empresarial nestes últimos anos”. García Santalla, ademais de presidente da Fundación CEL é tamén membro do Consello Social da USC. Por parte da USC, ademais do reitor asistiron ao acto o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; e o técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC en Lugo, Pablo Fontela, quen será tamén o responsable do desenvolvemento do convenio na parte correspondente á institución educativa. Tras a sinatura do convenio, os representantes de ambas as institucións realizaron unha visita ás instalacións do viveiro de empresas da Fundación CEL, situado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Logo o acto de sinatura, os representantes da USC realizaron unha visita guiada polas instalacións da Fundación CEL

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2012.