A USC e a Fundación ONCE asinarán un acordo marco en materia de inclusión de persoas con discapacidade
O reitor Juan Viaño e o vicepresidente da Fundación ONCE, Alberto Durán López, asinarán este xoves 4 un convenio marco para a colaboración estable en distintas liñas de actuación dirixidas á mellora da igualdade de oportunidades, a accesibilidade universal, a inclusión e a non discriminación de todas as persoas con discapacidade dentro da comunidade universitaria, fomentando ademais a contratación pública socialmente responsable. O acto protocolario de sinatura celebrarase no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome ás 11.30 horas. O documento a asinar facilitará o desenvolvemento futuro de accións conxuntas en materia de sensibilización, concienciación e formación; sobre accesibilidade universal e deseño para todas as persoas; fomento da igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade e a súa inclusión laboral; e a participación da USC no foro de compras socialmente responsables, entre outras cuestións.