Ir o contido principal

A USC e a Fundación ONCE únense a prol da inclusión de persoas con discapacidade

A sinatura do convenio marco celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A sinatura do convenio marco celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación ONCE asinaron este xoves 4 un convenio marco que define a súa colaboración estable no desenvolvemento de distintas liñas de actuación dirixidas á mellora da igualdade de oportunidades, a accesibilidade universal, a inclusión e a non discriminación de todas as persoas con discapacidade dentro da comunidade universitaria, fomentando ademais a contratación pública socialmente responsable. Nunha sesión protocolaria en San Xerome, asinaron o convenio o reitor Juan Viaño e o vicepresidente executivo de Fundación ONCE, Alberto Durán, xunto a quen tamén estiveron presentes a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez e a comisionada de Universidade, Xuventude e Plans Especiais de Fundación ONCE, Isabel Martínez. O documento a asinado facilitará o desenvolvemento futuro de accións conxuntas en materia de sensibilización, concienciación e formación; sobre accesibilidade universal e deseño para todas as persoas; fomento da igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade e a súa inclusión laboral; e a participación da USC no foro de compras socialmente responsables, entre outras cuestións. O reitor Juan Viaño aseverou que “unha universidade como a nosa ten a obriga de colaborar activamente na consecución da integración social, laboral e educativa de persoas con discapacidade”. Neste senso, “estamos cumprindo coa nosa misión como universidade pública cando definimos a inclusión e a accesibilidade como dous dos criterios de excelencia dos campus”, engadiu Viaño, cumprimento que tamén estendeu aos labores que a USC desenvolve para “favorecer a participación do alumnado con necesidades educativas específicas en calquera proxecto” ou para garantir a accesibilidade universal das instalacións e as actividades formativas. Pola súa banda, Alberto Durán insistiu na necesidade de seguir traballando para lograr un maior acceso da mocidade con discapacidade á universidade e a un emprego de calidade. “Estamos convencidos de que a maior das exclusións é a exclusión do coñecemento e, no caso do noso colectivo, o acceso ao coñecemento, o acceso á formación, é a porta máis garantista para facilitar a súa inserción laboral e o seu pleno desenvolvemento persoal e social”, dixo. Ademais das actuacións que a partir de agora se definan en materia de sensibilización, concienciación e formación ou accesibilidade, a USC estudará a posibilidade de formar parte do Foro para a contratación pública socialmente responsable cuxo fin é promover a inclusión de cláusulas de contido social na contratación pública que favoreza ao colectivo das persoas con discapacidade. Ademais, Fundación ONCE asesorará a universidade no deseño de plans de accesibilidade e infoaccesibilidade que inclúa os portais e plataformas web institucionais. Ao mesmo tempo, a institución docente apoiará a inclusión nos currículos formativos das carreiras e nos cursos de posgrao pertinentes os conceptos de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas tomando como referencia as guías elaboradas pola CRUE en colaboración coa Fundación. A Universidade de Santiago colaborará no programa de prácticas académicas externas ‘ Oportunidade ao talento’ no que a Fundación ONCE facilita a intermediación e ofertas empresariais para estudantado con discapacidade, así como no programa de Bolsas homónimas de mobilidade transnacional, másteres de investigación e de prácticas en empresas externas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2015.